Xoves, 27 Marzo de 2025

O Concello de Nigrán estrea un vídeo promovendo o consumo local cos propios comerciantes como protagonistas

Eles mesmos ofrecen cadanseu motivo para mercar dentro do municipio. O vídeo pretende reflexar a todos os sectores, desde o pequeno comercio, á hostalaría ou a pesca Eles mesmos ofrecen cadanseu motivo para mercar dentro do municipio. O vídeo pretende reflexar a todos os sectores, desde o pequeno comercio, á hostalaría ou a pesca

O Concello de Nigrán avanzou esta pasada noite o trailer do vídeo promovendo o consumo local no Nadal e protagonizado polos propios comerciantes do municipio. Eles mesmos expoñen mirando á cámara cadanseu motivo para mercar dentro de Nigrán, seguindo así coa mensaxe das anteriores campañas ao respecto levadas a cabo polo consistorio.  A versión completa, de 3 minutos de duración, estrearase o xoves 10 simultáneamente nas redes sociais do Concello (20:30 horas, Facebook e Youtube) e se proxectará en todos os eventos de Nadal nos que técnicamente sexa posible. O vídeo forma parte da campaña municipal iniciada a finais de novembro #VivoEnNigránComproEnNigrán e ‘Agora máis que nunca este Nadal merca en Nigrán’ .

As oito persoas representan diferentes sectores dentro do pequeno comercio e a hostalaría da localidade e, a súa vez, pertencen a diferentes parroquias. Na versión reducida ou trailer, de só 40 segundos, eles son os grandes protagonistas, na longa (de 3 minutos) o vídeo vai acompañado de imaxes de establecementos e rúas de todo Nigrán. “Quixemos que os 8 comerciantes fosen a voz de todo o texido comercial do municipio  e que as imaxes reforzasen esa idea de que non é preciso saír de Nigrán para mercar produtos da mellor calidade”, incide o alcalde, Juan González. Os argumentos que ofrecen cada un deles para apostar polo pequeno comercio son simples pero contundentes: “Porque xuntos venceremos esta crise. Porque somos veciños. Porque cando todo isto pase seguiremos mantendo as rúas con vida. Porque axudas as persoas emprendedoras e xeras emprego. Porque a riqueza se queda no pobo. Porque evitas maiores desprazamentos e resulta ecolóxico. Porque aínda que agora o tape a máscara, sempre temos un sorriso de agradecemento. Porque ti nos importas”.

Paralelamente, o Concello leva esta campaña de promoción do comercio local ‘Agora máis que nunca este Nadal merca en Nigrán’ a 60 escaparates do municipio adheridos a Ovalmi. Así, grazas á colaboración da asociación de empresarios, o Concello contratou o servizo do deseñador gráfico de Sabarís Juan Hernández para pintar con rotulador branco sobre vidro o hashtag ‘#VivoEnNigránComproEnNigrán’ dun xeito decorativo. O pintado rematará a final desta semana. “Animamos non só aos comerciantes a que empreguen este hashtag #VivoEnNigránComproEnNigrán, se non á veciñanza para que suba fotos as súas redes consumindo nos negocios locais baixo esta etiqueta, o obxectivo é crear un clima positivo e extender esta idea entre todos”, explica o alcalde, Juan González. “Estou moi contento de sumarme a esta campaña precisamente na miña comarca”, confesa Juan Hernández, deseñador gráfico de 34 anos natural de Sabarís e titulado en Gráfica Publicitaria en Aula D. Precisamente, Juan ten gran experiencia en lettering, letras artísticas feitas a man, desenvolvendo este traballo para moitas pizarras e cartas de restaurantes do Val Miñor.

A campaña do Concello inclúe diferentes aspectos, entre os que destaca o sorteo de 1.300 € en vales de 50 € entre os clientes dos establecementos adheridos a OVALMI para consumir en 26 locais hostaleiros do municipio durante todo o 2021, difusión publicitaria e en redes, regalo de 8.000 bolsas e carteis entre o pequeno comercio ou a estrea o mércores dun vídeo no que os protagonistas son os propios comerciantes de Nigrán (mañá presentarase o trailer en redes). Todo baixo o mesmo lema e coa cara dun Papá Noel sorrinte como ilustración (obra precisamente da deseñadora gráfica de Nigrán Olalla Fernández).

O Concello de Nigrán continúa así co seu esforzo para promover o comercio de proximidade entre a veciñanza, tal e como xa o fixo durante o confinamento coas pequenas tendas de alimentación, as panaderías en Pascua ou o Día da Nai. “Queremos motivar máis que nunca ao consumo local e, a maiores, o Concello inclúe actividades de Nadal que dinamizarán as rúas e, por suposto, mantemos o alumeado porque tamén da vida ao comercio”, resume o alcalde.