O Concello de Nigrán rematou esta semana o reparto de xoguetes recadados na campaña solidaria ‘Agasallos de Corazón’ que aínda continua ata o luns 20 de decembro e que xa é a maior na Historia do municipio ao superar á de 2020. Os miles e miles de xoguetes doados pola veciñanza directamente ao Concello ou a empresa Chupipostres servirán para agasallar os Reis e Papá Noel a máis de 100 menores do municipio de 0 a 14 anos de familias en situación de vulnerabilidade e, o restante, forma xa parte do Banco Municipal de Xoguetes creado no 2020 e que está operativo todo o ano para que poidan recorrer a el nos aniversarios.
“O Nadal é a data na que recadamos máis e mellores artigos e tamén a época na que máis se reparten, pero realmente o Banco Municipal está aberto durante todo o ano para recibir doazóns e tamén para repartir entre as familias vulnerables que o precisen”, explica o alcalde, Juan González, quen subliña a implicación dos seu equipo de goberno que, durante meses, estivo seleccionando só os que estivesen en perfecto estado, hixienizándoos e empaquetándoos.
O obxectivo do Concello de Nigrán é que o Nadal non signifique para as familias en risco de exclusión social do municipio un agravamento da súa condición, polo que o goberno local leva adiante máis iniciativas solidarias, como unha recollida de alimentos non perecedoiros nos colexios ou a promoción do Roupeiro Municipal (ben para realizar doazóns ou ben para entregar). Ademais, concesionarias como Aqualia súmanse aportando 3.000 € en vales para que as persoas beneficiarias dos Servizos Sociais poidan consumilos nos negocios de Nigrán.
“Lamentablemente, a crise sanitaria conleva unha crise económica polo que máis que nunca, debemos promover a solidariedade entre a veciñanza e non deixar a ninguén atrás”, subliña o rexedor.