Domingo, 16 Febreiro de 2025

Nigrán remata a renovación da contorna do Pavillón Municipal de Deportes

O Concello de Nigrán rematou as obras de acondicionamento das beirarrúas na contorna do pavillón, unha actuación na que se invisten 73.000 euros a cargo do Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra. Estas comprenden as rúas Gondomar, Arquitecto Palacios e Cidade de Vigo, todas en moi mal estado e inaccesibles debido a antigüidade da loseta hidráulica (nunca se repuxera dende a construción do pavillón).

Os traballos, a cargo de Construcciones Vale S.L., consistiron en levantar a actual beirarrúa e os seus cantos  de cemento para pavimentar todo con granito –losetas de 40 x 60 cm e cantos de granito mecanizado de 10 x 20 cm–. Ademais, substituirase a sinalización vertical (en moi mal estado de conservación).

O conxunto rematouse no día de hoxe coa instalación de tres novas farolas  na rúqa Gondomar, fronte do pavillón, para ofrecer unha mellor iluminación e un remate axeitado a un espazo urbano.

As obras comprenderon as rúas Gondomar, Arquitecto Palacios e Cidade de Vigo, as tres moi deterioradas debido á antigüidade das losetas

As tres farolas ‘mega dra-1004’ de 9,5 metros de altura e con forma de gran vela está formada por base de fundición de 2,5 metros de altura con acanaladuras decorativas e xeometría tronconónica; o fuste en acero galvanizado con forma de vela que incorpora tensores e 3 grandes proxectores equipados con tecnoloxía LED.

“Trátase dunha zona moi transitada, no corazón de Panxón, e pola situación do propio pavillón e da praia e consideramos máis apropiado facer as beirrarúas en pedra, en consonancia co resto da contorna, o remate con estas tres grande farolas en forma de vela veñen a reforzar o carácter urbano e mariñeiro do centro de Panxón”, sinala o alcalde, Juan González, quen recalca que, ademais de reacondicionar o propio pavillón, nesta zona “xa se renovou o parque infantil, instalouse un novo espazo deportivo e dotouse toda a rúa de  iluminación LED”.