Sábado, 25 Xaneiro de 2025

Nigrán posibilita que as persoas xordas poidan sentir a música do ‘Chan de Folk’ de Chandebrito

O que Nigrán estea a cabeza dos municipios galegos cando se fala de accesibilidade, tanto física como sensitiva, non é froito da sorte ou dunha acción puntual. E froito, por contra, da posta en marcha dende hai catro anos, de continuas iniciativas moi estudadas e pensadas para mellorar a vida cotía das persoas con discapacidade física ou sensorial.

Dentro desa liña, o ‘Chan de Folk’ de Chandebrito, será o escenario perfecto para poñer en marcha unha iniciativa de ‘mochilas vibratorias’, pioneira en Galicia –en España tan só o Concello de Madrid a utilizou no pasado Nadal–, que foi presentada esta mañá no Concello de Nigrán polo alcalde, Juan González e o Roi Casal, ex Milladoiro e artífice do espectáculo ‘Son galego, son cubano’.

Trátase dunhas mochilas que transforman o són que reciben en vibracións que son transmitidas ao usuario ou usuaria, pola propia mochila de tal xeito –como puidemos comprobar na presentación– que as persoas xordas poden seguir e participar activamente nun concerto do que “sinten” as vibracións. O feito de que as mochilas sexan totalmente inalámbricas e de reducidas dimensións, permiten que se poidan colocar na espalda ou no peito e que as persoas que as levan poidan desprazarse, con enteira liberdade, polo recinto.

Roi Casal, que tivo a oportunidade de probar unha destas mochilas, amosouse “sorprendido” polas sensacións que transmitían e asegurou “estar orgulloso” polo feito de que sexa o seu espectáculo ‘Son galego, son cubano’ o elixido para poñer en marcha esta novidosa iniciativa.

O alcalde Juan Gonzalez presenta a novidosa iniciativa das mochilas vibratorias que permitirán que as persoas xordas poidan “sentir” a música

Casal augurou que, dentro duns anos “contar con estas mochilas serán unha medida obrigatoria en concertos e espectáculos, do mesmo xeito que hoxe en día, son obrigatorias outras normas de accesibilidade arquitectónica”.

Pola súa banda, o alcalde Juan González, expresou o seu orgullo de “seguir dando pasos” en materia de accesibilidade tanto física como sensorial dentro do programa “Un Nigrán para todos” que de, con estes novos aparellos “actividades das que as persoas xordas non podían gozar, como os concertos ou espectáculos musicais, sexan tamén accesibles para elas”.

[su_slider source=”media: 4468,4467,4466″ link=”lightbox” height=”400″ centered=”no” autoplay=”8000″]

O concello, explicou o rexedor local, fixo un investimento de 10.000 euros para adquirir estas mochilas que se estrearán este sábado no Festival Chan de Folk de Chandebrito (na carballeira-merendeiro situado ao lado do campo de fútbol da parroquia, ás 21:30 con Roi Casal e o espectáculo ‘Son galego, son cubano’).

As persoas con discapacidade auditiva interesadas en probalas deben solicitar o seu uso enviando un mail a [email protected] (o punto de recollida e entrega será na cantina da propia carballeira, onde deberán deixar o DNI e encher un formulario no que se comprometen a devolvelas en perfecto estado).

Co obxectivo de que poidan experimentar por vez primeira as mochilas vibratorias o maior número de xente posible, o Concello distribuirá o tempo de uso en función da cantidade de solicitudes. Unha intérprete de lingua de signos explicará a cada un o correcto uso do aparato. Estos volverán a estar a disposición dos interesados nos demais eventos organizados dende o Concello de Nigrán nos que a sua presenza facilite a accesibilidade.