14.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán lembra ao mestre republicano asasinado, José Vázquez Grela, cun panel informativo...

    Nigrán lembra ao mestre republicano asasinado, José Vázquez Grela, cun panel informativo no parque que leva o seu nome

    O Concello de Nigrán adica o seu Mes de Recuperación da Memoria Histórica a José Vázquez Grela, mestre republicano de Nigrán asasinado o 12 de setembro de 1936. Así, esta mañá quedou instalado no parque inagurado no 2018 e que leva o seu nome (ao carón da Avda.Val Miñor, onde estaba a súa escola) un panel coa súa biografía, fotos e documentos da ‘Comisión Depuradora del Personal de Magisterio de Pontevedra’. Ao lugar acudíu o alcalde acompañado do neto de Grela, José Vázquez, e da edil de Cultura, Nuria Lorenzo.

    Posteriormente, desprazáronse a Panxón para depositar un ramo de flores no monumento adicada á ‘volta dos nove’ ao carón do Pavillón Municipal, no coñecido como o ‘Xardín da Memoria’; onde estivo Pilar Vieitez, nora do asasinado Modesto Fernández ‘Rei Chiquito’. O Concello de Nigrán celebra cada ano desde 2015 o Mes da Memoria Histórica facéndoo coincidir precisamente coa coñecida como ‘Volta dos Nove’, un dos sucesos máis terribles da comarca porque supuxo a execución a sangue fría de nove veciños do Val Miñor o 15 de outubro de 1936. Nesta ocasión, debido ás actuais circunstancias sanitarias, non se celebrou ningún acto público.

    “José Vázquez Grela é tamén protagonista dun dos episodios máis tristes da Guerra Civil en Nigrán e exercía a súa labor na escola situada nas inmediacións deste espazo público que rehabilitamos no 2018 e ao que bautizamos no seu nome. Consideramos unha obriga moral manter viva a nosa memoria, por iso era preciso instalar este panel, para que todos os veciños poidan coñecer quen era Grela e que inxusto final tivo; para que non se repita o peor da nosa Historia debemos coñecer estes episodios tan vergoñentos”, considera o alcalde, Juan González, quen como historiador recolleu este caso no seu libro ‘Nigrán. Memoria dunha Guerra 1936-1939’. “Os seus alumnos xamais puideron esquecer como a mañá do 12 de setembro de 1936 uns homes interromperon a clase para levarse a Grela e como minutos despois soaron cinco disparos”, escolma no seu traballo.

    Natural de Ames (Padrón) coñeceu a súa muller Josefa Iglesias en Bos Aires, onde emigrou con 12 anos para gañarse a vida como panadeiro. O matrimonio tivo seis fillos e pasou uns anos en Cuba antes de retornar a Galicia. Foi xa na terra onde con 33 anos (1930) sacou as oposicións de Mestre Nacional e, tras diversos destinos, en 1932 tomou posesión en Nigrán. Dende a súa chegada ao municipio gañouse a admiración e respeto dos veciños grazas a súa bondade e disposición a axudar sempre. Grela asumiu dende o inicio a presidencia do Consello Local de Primeiro Ensino, onde loitou por adecuar o ensino aos postulados máis renovadores e liberais, intentando levar a educación aos lugares máis afastados co fin de conseguir a alfabetización de toda a poboación e conquerir unha sociedade máis xusta e igualitaria. A súa labor non se limitaba aos cativos, tamén contribuía formando aos demais mestres da comarca e coa súa biblioteca participaba en tódolos eidos culturais de Nigrán. “En definitiva, era o prototipo de mestre da República, comprometido cos principios desa nova ensinanza e políticamente moi activo, ao punto de que foi un dos organizadores do mitin de xuño de 1936 nas Angustias a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia ao que asistiría Castelao como orador”, resume González.

    Entre a propia información que recolle o panel figura este texto:
    “O Golpe de Estado de xullo de 1936 e a feroz represión ían deixar a Nigrán sen moitas das persoas que traballaban por facer un mundo mellor e máis xusto, tal como desexaba o mestre José Vázquez Grela. Así, o 12 de setembro, ao redor das 12.30 horas da mañá, foron a buscalo a escola. Algúns alumnos, como Severino Crespo, recordan que no centro entraron o famoso garda civil de Bouzas ‘O Rabioso’ e tres falanxistas que os mandaron saír, entre eles estaba o fillo pequeno de Grela. Todos intuíron o que ía pasar, opropio mestre pediu que o deixaran despedirse da súa esposa e, aínda que non llo permitiron, suspirou profundamente para que ela o escoitase no piso de arriba, onde vivía. Metérono no coche patrulla dirección a As Angustias e despois fixéronlle baixar coa escusa de ir ver ao cura, en canto comezou a andar déronlle cinco tiros polas costas. Juan Cabreira Sanromán, tamén alumno, relatou como escoitaron os disparos pouco despois de levalo e como ao ir correndo para casa topouno morto nunha cuneta coa bata completamente ensanguentada. Grela contaba entón con 50 anos, a súa morte foi certificada á tarde do día seguinte e o seu corpo enterrado na foxa 21 do cemiterio de Nigrán, onde o Concello celebrou no 2015 na súa honra o Día da Recuperación da Memoria Lingüística de Galicia traducindo a súa lápida ao galego nun acto público coa súa familia”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.