14.1 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán creará unha praza pública na Ramallosa no remate da ponte románica

    Nigrán creará unha praza pública na Ramallosa no remate da ponte románica

    A actuación, cun orzamento base de 93.367 €, conta coa autorización de Patrimonio e foi presentada á convocatoria de subvencións da Xunta para actuacións de mellora paisaxística e embelecemento dos bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago

    O Concello de Nigrán creará unha praza pública de 371 m2 para a convivencia e a relaxación no espazo actual entre o remate da Ponte Románica da Ramallosa e a Avenida de Portugal (PO- 340), aos pés do Río Miñor. O obxectivo é rehabilitar esta contorna de gran valor patrimonial, natural e etnolóxica como unha zona señeira de pausa e descanso no Camiño. O proxecto, cun orzamento de 93.367 €, recibíu a pasada semana a autorización de Patrimonio e foi presentado a finais de ano ás axudas da Xunta para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento dos bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago. O obxectivo do Concello é que sexa unha realidade no vindeiro Ano Santo 2021.

    “Pese a tratarse dun enclave estratéxico con altísimo valor patrimonial, cultural e ambiental, trátase actualmente dun espazo residual e cunha imaxe moi descoidada porque aparcan vehículos e transitan peóns sen orde algún”, explica o alcalde, Juan González, quen busca “devolver ao lugar a entidade que merece” ao situarse aos pés da Foz do Miñor (red Natura 2000, catalogado LIC), da ponte medieval, e no propio Camiño Portugués pola Costa. Así, actualmente os pavimentos están moi deteriorados e sen regularidade, xerándose charcos e problemas de salubridade; a mestura indiscriminada de peóns e vehículos supón un risco de seguridade viaria; a iluminación resulta deficiente e, como suma de todo elo, o espazo non traslada sensibilidade algunha pola traza do Camiño.

    Deste xeito, o proxecto firmado polo arquitecto Ángel Santorio contempla devolverlle a calidade ambiental recuperándoo como lugar para o paseo, a estancia e a relaxación de veciños e peregrinos, tendo en conta ademais que se atopa nunha cota inferior (de embarque) que a afasta do gran tráfico urbano da contorna. Así, a actuación mellorará o pavimento térreo existente e creará unha zona empedrada únicamente para o acceso dos vehículos aos garaxes actuais. O resto do lugar destinarase únicamente para os peóns, que contarán tamén cun itineario de adoquinado en granito moreno acompañado de mobiliario urbano de deseño sinxelo que se integrará na praza de xeito amable (banco, papeleira e maceteiro realizados en pedra ou madeira) . O obxectivo final é crear un espazo diáfano e despexado cuxo uso resulte o máis flexible posible. Ademais, plantaranse bosquetes estratéxicos con especies autóctonas de árbores que propicien puntos de sombra. Finalmente, unificarase a sinaléctica existente e dotarase á zona dunha nova iluminación.

    “Son unha serie de actuacións sutís, que non implican un gran investimento, pero que suporán un cambio radical nesta contorna pasando de ser unha zona de tránsito a un lugar privilexiado de desconexión e señeiro no Camiño Portugués pola Costa”, resume o rexedor.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.