14.7 C
Pontevedra
Venres, 3 de Maio de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán creará en 4 anos un percorrido seguro de 67 km en...

    Nigrán creará en 4 anos un percorrido seguro de 67 km en bicicleta

    O Concello de Nigrán dará un paso de xigante nos vindeiros catro anos de cara a que a bicicleta sexa o gran referente da mobilidade sostible no municipio. Se no pasado mandato a gran aposta do goberno local foi o establecemento do ‘Nigranbus’ (unha liña de autobús intramunicipal que se achega ás parroquias do interior), diversas facilidades para os vehículos eléctricos como electroliñeiras gratuítas e bonificacións ou a e creación de parkings disuasorios; o novo reto é levar adiante o plan ‘Plan Via-Bici’ que esta tarde (Auditorio Municipal, 19:00 horas), coincidindo coa Semana Europea da Mobilidade, se presenta ao público para fomentar os desprazamentos en bicicleta polo municipio empregando vias compartidas que outorguen as máximas garantías de seguridade.

    Este plan estratéxico xa finalizado é froito do traballo previo e desinteresado do colectivo do Val Miñor ‘Resiliencia’, formado por xubilados expertos en temas medioambientais (Santiago Fraga, Carmela García, José R.Ojea e Fernando Lahuerta) baixo a dirección posterior da consultora Innova contratada polo Concello, que recolleu todas as súas propostas e o deseñou. O resultado é unha rede de 66,8 km que atravesa todo o territorio e que está conformada por 8 tramos principais que se interconectan entre si e que favorecen o transporte intermodal (encádranse en tres grandes bloques: itinerarios de ocio, norte-sur e Este a Oeste).

    “Cremos neste plan deseñado a conciencia por expertos porque plantexa opcións moi coherentes que mellorarán a calidade de vida de toda a veciñanza grazas ao uso compartido de vias ás que se lle outorga a máxima seguridade aos ciclistas”, expón o rexedor, Juan González, quen aposta firmemente por todo o que implique avanzar nunha mobilidade “amable, rápida, limpa, económica, saudable e compartida” e, precisamente, por este motivo creou neste mandato a concellería de ‘Desenvolvemento Sostible’ que dirixe Roberto Garrido. “Queremos implantar unha nova cultura da mobilidade, con solucións innovadoras, alcanzables e que reducen as emisións”, resume Garrido.

    O plan descarta o carril-bici exclusivo e diferenciado e aposta por carriles compartidos cos vehículos a motor que deberán estar debidamente sinalizados e con limitacións de velocidade de xeito que non ofrezan ningunha inquedanza ao usuarios. “Os tramos que se seleccionaron son precisamente os que resultan seguros de por si, con visibilidade e sen puntos perigosos, comprenden ás veces estrada convencional e outras camiños”, indican desde Innova.

    O plan consta de 4 catro fases anuais “para que a veciñanza vaia pouco a pouco gañando confianza e comprobando todas as súas vantaxes e posibilidades”. A primeira delas será crear vias seguras de chegada ás principais praias de Nigrán, onde haberá estacionamentos para elas; a segunda de cara a desprazamentos desde as parroquias do interior aos principais núcleos urbanos (Ramallosa, Porto do Molle, Nigrán ou Panxón) para ir a traballar ou a mercar; a terceira para paseos de ocio pola natureza, como poden ser o río Muíños ou o Camiño de Santiago; e a derradeira para achegarse á escola mediante camiños seguros e con iniciativas de concienciación e sensibilización dirixidas ás familias (comprende o CEE de Panxón e Arquitecto Palacios, CEIP Humberto Juanes, CEIP Mallón, CEIP Carlos Casares e IES Val Miñor e Proval, colexios como o de Camos descártanse por seguridade e pola propia orografía). Esta ‘folla de ruta’ é a que será presentada hoxe ás asociacións de veciños, culturais, empresariais e educativas de Nigrán, xunto con usuarios da bici e veciñanza interesada, que ademais poderá formular propostas.

     “O plan é ambicioso e estamos convencidos de levalo adiante porque queremos seguir dando pasos de cara a un Nigrán amable coas persoas e co medio ambiente nun contexto de crise climática. Ademais, forma parte das nosas iniciativas de cara a acador os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible desde o local”, engade o alcalde, quen defende o uso da bicicleta tamén en termos de “habitabilidade, saúde, medio ambiente, equidade e sociabilidade”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.