O Concello de Nigrán ofrece o 6 de agosto unha segunda oportunidade de ver a Carlos Núñez en Monteferro ante o ‘sold-out’ para o solpor do día anterior. As entradas para esta nova cita, en sesión matinal (11:00 horas), xa están á venda a través de Ataquilla cun prezo de 23 €. O espectáculo, que forma parte da programación estival do Concello de Nigrán e que conta co apoio da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do Plan Concellos, encádranse na xira ‘Lugares Máxicos’.
Tal e como arrancaron no 2020 os concertos de Carlos Nuñéz neste enclave único, o obxectivo é enfeitizar aos asistentes grazas a súa especial sinerxia coa natureza. “Desde o ano 2020 en agosto xuntamos ao mellor gaiteiro do mundo no que nos consideramos o mellor escenario do mundo, unha unión que resulta máis que fascinante”, reitera o alcalde, Juan González
“Monteferro é un deses paraísos onde as veces veño a tocar, pero na intimidade, só para min e para a natureza. A diferencia cos de lugares como Bahía, Rio de Janeiro, ou California é que, mentres que alí a xente aplaude como se o sol e a terra ofrecesen un show, nós cecais sentímos ese intre como unha cerimonia. Según os nosos arqueólogos, os antigos habitantes de Monteferro e dos castros da costa de Galicia xa sabían moito de todas estas cousas…. Por iso, neste concerto repetirei o soño de compartir esas experiencias cos meus amigos músicos e co noso querido público. Seremos unha gran familia!”, sinala o propio Carlos Núñez, quen ten tocado dentro desta xira ‘Lugares Máxicos’ en espazos tan singulares de Galicia como o Mosteiro de Oseira, o Dolmen de Dombate ou a Catedral de Mondoñedo.
Co obxectivo de respectar ao máximo á singularidade deste espazo natural e de facelo coa mínima intervención, só se reservarán cadeiras para persoas con problemas xustificados de mobilidade, xa que o obxectivo é gozar da música sentados no propio chan, nun ambiente íntimo e en comunión coa contorna.