O Concello de Redondela, a través da Concellería de Turismo que xestiona María Castro, organiza para este vindeiro domingo, 25 de setembro, o último dos roteiros que, dende o mes de marzo, desenvolve os últimos domingos de cada mes para dar a coñecer, á veciñanza e visitantes, a riqueza patrimonial do municipio. “Que a veciñanza coñeza o patrimonio histórico, cultural e paisaxístico de Redondela é o primeiro paso para a súa protección e conservación” asegurou hoxe a alcaldesa Digna Rivas.
Desta volta, e coa guía de Xurxo Constenla, arqueólogo de A Citania e museólogo do Meirande (Centro de Interpretación da Batalla de Rande), as e os participantes terán a oportunidade de coñecer o enclave arqueolóxico situado entre Redondela e Pazos de Borbén. Nesta localización atópanse tres mámoas, dous grupos de gravados rupestres, un xacemento de foxas da Idade de Bronce e un círculo lítico recentemente atopado. A distancia da ruta é de 7Km e non ten maior dificultade, está pensada para todos os públicos.
Para participar, non é precisa preinscrición algunha, só estar no lugar da saída (gasolineira de Amoedo, na Estrada PO-250) ás 10 horas. Para chegar dende Redondela: dirixirse a Pazos de Borbén pola Estrada PO-250; a uns 6Km dende o centro de Redondela, nun lugar chamado o Chan de Amoedo, onde se atopa unha gasolineira (marcada na palicación Google Maps como “Gasolineira Chan de Amoedo”).
A protección do patrimonio cultural, industrial e natural da contorna de Rande, zona incluída na Rede Natura 2000, “é un obxectivo irrenunciable para o Goberno redondelán”,así o afirma a alcaldesa Digna Riva.