A concellería de Parques e Xardíns do Concello de Redondela, que dirixe Pedro Villaverde, vén de dar conta da rehabilitación de 40 bancos de madeira de cara a darlles un novo uso. Este mobiliario urbano, que estaba deteriorado e que fora retirado de diferentes espazos públicos, poderán agora ter unha segunda vida.
Uns 15 bancos dos que xa foron restaurados están instalados en diferentes lugares do municipio como a Picota, a praza de Lenda, Saxamonde, Cabeiro, Vilar, Quintela, e tamén en diferentes tramos do Camiño de Santiago e doutras sendas transitadas pola veciñanza.
Os demais asentos iranse instalando en zonas verdes, prazas e espazos públicos repartidos polas parroquias. Villaverde explica que o obxectivo destes traballos de restauración é o de “darlle utilidade a uns bancos públicos que xa non estaban en uso, e facilitar que moitos barrios e zonas de tránsito poidan ter un lugar cómodo onde descansar e reunirse a veciñanza”.
No Camiño de Santiago ao seu paso por Redondela, tanto a ruta portuguesa tradicional como a da costa, instalaranse algúns destes asentos “para que os peregrinos e sendeiristas teñan tamén un lugar cómodo onde descansar ao longo do seu percorrido”.
A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que a recuperación destes bancos supón un dobre aforro, xa que “a súa rehabilitación é moito máis económica que mercar asentos novos, e ao mesmo tempo reducimos os residuos ao reciclar este mobiliario público”.