Redondela deu por iniciada oficialmente a tempada turística coa apertura da súa Oficina de Información, na rúa Isidoro Queimaliños, e o Centro de Interpretación da Batalla de Rande, Meirande.
A concelleira responsable do departamento, Rita Pérez Táboas, deu conta que a Oficina de Turismo está aberta de luns a sábado, en horario de 11.00 h a 14.30 h, e de 16.00 h a 19.00 horas. Pola súa banda o museo Meirande terá horario de atención ao público de martes a domingo, en horario de 11.00 h a 14.00 horas e de 15.30 h a 19.00 horas.
A chegada do bo tempo e a proximidade de eventos como a Festa do Choco, o Festival
Internacional de Títeres e a Festa da Coca, que se celebran no vindeiro mes de maio leva ao Concello a abrir ao público estas instalacións.
“Son moitas as persoas peregrinas que nos visitan xa na primavera, e no mes de maio temos unha afluencia masiva de público a Redondela coa celebración das diferentes festas”, explica a concelleira Rita Pérez.
A responsable de Turismo salienta que coa apertura da Oficia de Turismo ”poderemos brindar información de interese para toda esa xente que nos visita, e ofrecerlle tamén a oportunidade de coñecer o museo Meirande”.
Coa chegada do mes de maio retomaranse as visitas guiadas A vila pola tardiña, que
serán os luns, e nas que se dá a coñecer o patrimonio histórico, cultural e arquitectónico
da vila de Redondela.
Por outra banda tamén en maio comezará a funcionar o tren turístico, que conecta a diario o centro da vila coa praia de Cesantes.