O Concello de Redondela licita,esta semana,o contrato para a realización das obras de acondicionamento, tanto exterior como interior, do novo local que albergará a oficina municipal de Servizos Sociais e o servizo de Atención á Muller.
O proxecto para o traslado destas dependencias, contaba co informe favorable dos servizos técnicos do Concello dende xuño de 2018 pero, sinala a alcaldesa Digna Rivas, “o Goberno do PP non priorizou a súa tramitación e, incomprensiblemente, o expediente levaba paralizado máis dun ano”.
A alcaldesa redondelá cumpre, deste xeito, un dos seus compromisos electorais que era o traslado “urxente” dos Servizos Sociais a unhas instalacións “máis axeitadas, accesibles e nas que a privacidade dos usuarios e usuarias estea totalmente garantida”.
En tan só dous meses de Goberno, o executivo local de Redondela conseguiu rematar o expediente de contratación polo que, en breve, comezarán as obras de acondicionamento interior e exterior do local situado na rúa 8 de Marzo (Regojo).
As obras contan cunha subvención do 80 % do investimento a través do Programa Operativo FEDER, iniciativa que ten como obxectivo a procura dun desenvolvemento sustentable que promova a educación, o desenvolvemento económico e a inclusión do medio ambiente.
Con esta obra, explica Digna Rivas, contribúese a acadar os obxectivos estratéxidos da EDUSI Redondela 2020, “Inclusión social e loita contra a pobreza”, con actuacións que terán por obxecto “mellorar os servizos de atención social ás familias en risco de exclusión social coa mellora das instalacións municipais, tanto de Servizos Sociais como do Centro da Atención á Muller”, apunta o Concello de Redondela.
Digna Rivas adiantou que o Goberno que preside poñerá en marcha “todas as medidas precisas” que estean encamiñadas a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas “e en especial a aquelas que, por diversas circunstancias económicas e sociais, máis o precisan”.