14.3 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaO sector do taxi amosa o seu interese polo 'Transporte a demanda...

    O sector do taxi amosa o seu interese polo ‘Transporte a demanda no rural’ proposto polo Concello de Redondela

    Representantes do sector trasladaron ao Concello a súa disposición a participar neste proxecto que permitiría unha comunicación fluída entre os centros urbanos de Redondela e Chapela cos núcleos parroquiais

    O Goberno local de Redondela vén de dar traslado aos grupos da oposición da súa proposta para implantar no municipio un “servizo de taxi baixo demanda”, iniciativa pensada para conseguir unha comunicación fluída e eficiente das parroquias cos núcleos urbanos tanto de Redondela coma de Chapela.

    A proposta foi moi ben acollida polos representantes do sector do taxi, aos que se lle trasladou a idea no pasado mes de febreiro e que ven, na iniciativa, un xeito de impulsar e mellorar o transporte entre parroquias ademais de dinamizar o propio sector.

    A idea é que os usuarios e usuarias poidan contratar o servizo previamente e que os vehículos sexan compartidos por varias persoas e, incluso, as e os profesionais do taxi podería prestar servizos regulares, todos os días a mesma hora e con idénticos recorridos para maior facilidade dos usuarios e usuarias.

    Este sistema, segundo a alcaldesa Digna Rivas, permitiría poñer en marcha “un modelo de transporte urbano respectuoso co medioambiente” e que ademais permitirá “a conexión das parroquias cos núcleos urbanos e cos seus servizos e competencias administrativas”. A alcaldesa de Redondela puntualizaba que a iniciativa permitiría a implantación dun sistema de transporte baixo demanda “naqueles puntos do rural onde non poden chegar os autobuses de liña, ben pola baixa demanda de usuarios ou polas características das estradas”.

    Financiamento e ámbito de utilización

    O servizo estaría financiado polo Fondo Europeo a través do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014-2020 e dentro dunha liña específica dedicada ao transporte urbano sustentable entre parroquias.

    Para a súa tramitación precísase do visto e prace do resto de grupos políticos da Corporación Municipal, sendo o primeiro paso a realizar a contratación da realización dun informe que estableza a viabilidade do proxecto e as características esenciais do mesmo.

    En canto a outros aspectos como o ámbito de utilización este quedaría restrinxido ao transporte entre parroquias do municipio. No documento que se elabore, tamén terán que figurar as características dos vehículos que poidan prestar ese servizo como, por exemplo, que teñan unha serie de adaptacións mínimas en materia de accesibilidade e que sexan vehículos de baixas emisións de CO2.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.