Mércores, 11 Decembro de 2024

O Goberno de Redondela lamenta que a Xunta “non invista nin un euro na reforma da Avenida Mendiño”

O 26 de febreiro, a conselleira Ethel Vázquez e o exalcalde Javier Bas, anunciaban o investimento de 1,6 millóns nesta actuación para a que agora, os actuais orzamentos da Xunta, non destinan nin un euro

O Goberno de Redondela denunciou hoxe o que consideran “un novo insulto á cidadanía de Redondela” ao constatar que nos Orzamentos da Xunta de Galicia para o 2020, “non se contempla nin un euro para a reforma da Avenida Mendiño” e tan só se consignan 100.000 euros, a metade do pasado ano, para as obras de Mellora de abrigo no Porto de Cesantes.

Lembra o goberno redondelan que o 26 de febreiro deste ano, cunhas eleccións municipais á vista, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, visitaba Redondela para anunciar “xunto ao exalcalde Javier Bas o investimento de 1,6 millóns de euros na reforma da Avenida Mendiño a través do que máis lle gustaba ao goberno popular: as infografías”. Nesa visita, Vázquez aseguraba que as obras “licitaránse en verán, xa que o proxecto está redactado”.

Como outros moitos grandes proxectos, di o executivo que preside Digna Rivas, “demostrase tempo despois que non eran máis que anuncios puramente electoralistas”. Eses anuncios, engade a alcaldesa de Redondela, “quedan agora en evidencia xa que para esa obra os Orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano, non recollen nin un só euro”.

Unha “remodelación integral” que non o é tanto

Algo parecido acontece do Porto de Abrigo de Cesantes que o goberno do PP anunciaba como unha Remodelación Integral cun investimento previsto de 6 millóns de euros “tal e como figuraba nun Plan Integral asinado no 2011 polo excalcalde Javier Bas e Xunta de Galicia” e que, o pasado ano xa deixou de ser “Remodelación Integral, para converterse en ‘Mellora de abrigo’, e dos famosos 6 millóns, os orzamentos destinaban a ridícula cantidade de 200.000 euros”. Para o vindeiro ano, aclara a alcaldesa de Redondela, “rizando o rizo, esa cantidade queda na metade, e para unha obra de extraordinaria importancia para a nosa xente da mar, consígnanse 100.000 euros”.

É lamentable que un goberno da Xunta, que se da por sentado que ten que gobernar para todos e todas as galegas e, polo tanto “para todos os municipios baixo criterios de equidade”, elabore uns orzamentos “absolutamente arbitrarios favorecendo aos concellos que lle son afíns e esquecendo, por completo ao resto”.

As obras da Avenida Mendiño e da suposta Reforma Integral do porto de Cesantes, que non é tal, “non son máis que dous exemplos da forma na que gobernou o PP en Redondela durante oito anos, a base de infografías, proxectos imposibles de cumprir ou anuncios baleiros de todo contido”.

“O goberno que presido, –recalcou Digna Rivas– non vai quedar cruzado de brazos mirando como se despreza ao cuarto municipio da provincia e como se lle falta ao respecto, de xeito continuado, á súa veciñanza” polo que, a alcaldesa redondelá, adiantou que “utilizaremos todos os medios ao noso alcance para esixir, da Xunta de Galicia, o cumprimento dos compromisos adquiridos con este municipio e coa súa cidadanía”.