Luns, 17 Marzo de 2025

Digna Rivas, “no prazo dun ano a Policía Local de Redondela terá a plantilla completa”

Dende o pasado 15 de xuño, tres policías procedentes da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) realizan o seu período de prácticas en Redondela para, unha vez rematado este –o 15 de agosto– voltar á Academia para superar as probas finais e incorporarse xa definitivamente, dous deles á Policía Local de Redondela e outro á de Soutomaior.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e a xefa do Servizo de Formación en Seguridade Pública da AGASP, Mónica Castro Pérez, acompañados polo concelleiro de Seguridade de Redondela, Leonardo Cabaleiro, supervisaron a evolución dos tres axentes en prácticas escoitando as súas experiencias e necesidades.

Estes dous axentes, que incorporaranse ao cadro de persoal da Policía Local de Redondela, pertencen á convocatoria de prazas realizada no 2018. En breve, segundo sinalou a alcaldesa Digna Rivas, iniciarase o proceso de cobertura de 9 novas prazas que, logo do seu paso pola Academia Galega de Seguridade Pública, incorporaranse como axentes a todos os efecto “co que, no prazo dun ano, a Policía Local de Redondela contará con 11 novos axentes”, asegurou Rivas.

Unha das principais prioridades do Goberno local, asegurou a rexedora redondelá “é que o municipio teña un cadro de policía local acorde coa importancia de Redondela como cuarto concello da provincia de Pontevedra e que poida garantir a seguridade dos veciños e veciñas e as dos seus bens”.

Nese sentido, Digna Rivas foi clara ao sinalar que as necesidades da Policía Local “non poden ser suplidas coa contratación de Auxiliares que, en ningún caso e así o estipula a lexislación, poden exercer as labores dun policía local ou substituír a estes”.

A alcaldesa de Redondela adiantou que o seu Goberno está pendente da convocatoria de novas subvencións “tanto para vehículos da policía local como o material que precisan para desenvolver o seu traballo con eficacia e en condicións dignas”.

O traballo da policía local, rematou Digna Rivas, “é tan complexo como perigoso, polo que é obriga do Goberno proporcionarlles todos os medios precisos para que poidan desenvolvelo nas mellores condicións”.