9.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaAER lémbralle Bas que o recurso á PassVigo foi presentado polo Concello,...

    AER lémbralle Bas que o recurso á PassVigo foi presentado polo Concello, “nin polo PP nin por Javier Bas como persoa física”

    A sentenza pola que o Xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 de Vigo declara que a esixencia de empadroamento como condición para a obtención da nova tarxeta de transporte PassVigo e as declaracións do exalcalde de Redondela, Javier Bas, nas que sinalaba que “que a sentenza era unha vitoria do seu equipo, e que seguira adiante sen o apoio de ninguén”, foron hoxe obxecto de matización, clara e precisa, por parte da Agrupación de Electores de Redondela (AER).

    Lembra AER que con esta sentenza “toda a veciñanza de Redondela resulta beneficiada ao poder obter a tarxeta de transporte urbano”. Entre os diversos motivos polos que se estima a sentenza, alégase que na normativa do Concello de Vigo (ordenanza, ou acto administrativo) “non se establece a condición de estar empadroado para ter acceso á tarxeta de pago para ter acceso ao transporte urbano de viaxeiros”.

    Pero, explica a Agrupación de Electores, o motivo principal para a estimación da demanda é que na diversa normativa que regula o transporte público de persoas é que este pode ser utilizado por calquera persoa sen que poida “limitarse” ou “discriminarse” o seu uso por calquera razón, entre elas por cuestión de empadroamento.

    Cautela e prudencia

    Porén, engade AER, “hai que ser cautelosos” porque contra dita sentenza pode interpoñerse recurso de apelación. En todo caso, e mentres non se dite outra sentenza, os veciños e veciñas de Redondela poden obter a tarxeta PassVigo para poder usar e desfrutar do transporte urbano colectivo de viaxeiros.

    AER “reaclara” a súa postura

    Chegados a este punto, a Agrupación de Electores de Redondela 2015 e 2019 lembra que “sempre fomos claros coa nosa postura en relación a este tema” e así lla transmitiron estes días a alcaldesa Digna Rivas do mesmo xeito que, no seu mdía, transmitíronlla ao anterior alcalde Javier Bas.

    Lamenta AER que Javier Bas saíra esta semana no seu Facebook declarando, “antes que ninguén” –o que leva á Agrupación de Electores de Redondela a preguntarse “como puido coñecer o texto da sentenza privada antes de que chegara ao propio Concello”–, que a sentenza “era unha vitoria do seu equipo, e que seguira adiante sen o apoio de ninguén”.

    “E non” di AER, e lémbralle a Javier Bas que o recurso foi presentado “polo Concello de Redondela, non polo Partido Popular de Redondela, nin por Javier Bas coma persoa física”. Durante os seu 8 anos no Goberno, engade a Agrupación, “esta confusión pola vosa parte foi constante, pero parécenos chamativo que sigan a estar confundidos, incluso, cando xa non están no Goberno”.

    Pídenlle os independentes redondeláns ao exalcalde prudencia porque, lembran “tamén saíu unha sentenza esta mesma semana en contra do Concello de Redondela, polas malas praxes do seu equipo anterior de Goberno” e preguntan se esa circunstancia “vai saír no seu Facebook tamén dicindo que grazas á xestión de D. Javier Bas Corugeira o Concello vai ter, probablemente, que pagar cartos a unha extraballadora,… ou vai pagar eses cartos dos seus peto?”. AER, nese sentido o ten claro ao sinalar que “cando vostede foi alcalde foi só un traballador do Concello de Redondela. E é o Concello de Redondela quen responde polo seu traballo, quen paga ou quen se beneficia das sentenzas, estea vostede ou non no poder”.

    Doutra banda, desminte AER que a postura do entón Goberno do PP fora unha postura “en solitario” xa que a Agrupación de Electores, “dende o minuto cero”, tamén entendeu coma un argumento discriminatorio o requisito de estar empadroado en Vigo para recibir unha exención no transporte e remiten ao seu Boletín informativo onde AER explicaba tanto a historia da Área Metropolitana coma a súa postura en relación a PassVigo e que se pode consultar nesta ligazón.

    AER é rotundo ao explicar que para a Agrupación, “esta sentenza non é favorable a Javier Bas nin contraria a Digna Rivas. Non é unha loita política entre a Xunta de Galiza (hoxe PP) e o Concello de Vigo (hoxe PSOE) con Redondela coma campamento base”. Para os independentes, a sentenza “é unha realidade que nos afecta aos veciños e ás veciñas do municipio que temos a Vigo coma unha cidade referencia á que nos trasladar para traballar ou gastar do noso tempo de ocio”.

    Remata AER sinalando a súa postura contraria “a politizar as xestións administrativas e xudiciais e a deber favores que condicionen as nosas posturas” xa que, afirman, “traballamos por ideas, non por amizades”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.