Venres, 24 Xaneiro de 2025

A Xunta anuncia a ampliación do IES Pedro Floriani de Redondela

A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, abordou nunha reunión coa alcaldesa Digna Rivas varias cuestións relacionadas co ámbito educativo

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, acompañada polo xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, César Pérez Ares, reuniuse hoxe coa alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e co concelleiro Nacho González, coa que abordou varias cuestións relacionadas co ámbito educativo. A reunión fora pedida solicitada de xeito reiterado pola Alcaldía de Redondela dada a importancia dos temas a tratar.

No decurso da reunión, Fernández-Tapias deulle conta á rexedora local da próxima licitación das obras de ampliación do IES Pedro Floriani que sumará catro novas aulas, dando resposta á demanda existente.

Por outra banda, a representante autonómica confirmoulle o visto e prace da Xunta ao proxecto técnico do Concello para a instalación dunha pista de atletismo no IES San Simón, instalación pendente unicamente da firma dun convenio co departamento autonómico para a realización das obras, que serán asumidas, na súa totalidade, polo Concello de Redondela.

En canto ao IES de Chapela, Fernández-Tapias trasladoulle que a primeira preocupación debería ser o impacto do ruído da AP-9 e a necesidade urxente de instalar pantallas acústicas que o mitiguen, extremo que lle corresponde ao Goberno central, tema sobre o que a alcaldesa de Redondela adiantoulle a delegada territorial que “non existe tal preocupación” dado o compromiso do Ministerio levar a cabo as adendas tanto no que fai referencia ás pantallas acústicas coma a reposición de viais. Nese sentido, cómpre salientar que ese tema foi tratado pola alcaldesa de Redondela na reunión mantida co secretario xeral de Infraestruturas, Servio Vázquez Torrón ao igual que o tiña feito con anterioridade en Madrid, xunto ao concelleiro Roberto Villar, no Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma).

No que fai referencia ao CEIP Outeiro de Penas, a delegada territorial deulle conta a alcaldesa da autorización para a reposición das fiestras e, no CEP de Reboreda, confirmoulle que vénse de enviar 40.000 euros para reformas a criterio do centro e indicoulle que se valorará intervir nos falsos teitos e as luminarias no CEIP Alexandre Bóveda.

Xa por último, sobre o arranxo da pista cuberta do CEIP de Cedeira, a delegada informou que está actuación queda pendente de que o Concello clarifique a situación urbanística do centro co obxectivo de garantir que o volume de edificabilidade se axusta a normativa e comprobar con Patrimonio que non estea afectado pola súa proximidade á igrexa.

Digna Rivas, que cualificou a reunión de “fructífera”, agradeceu a boa disposición da Xunta de Galicia “e espera que o adiantado pola delegada territorial convértase nunha realidade á maior brevidade posible”.