16.8 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaA exposición fotográfica 'As Mulleres da Illa' xa se pode visitar no...

    A exposición fotográfica ‘As Mulleres da Illa’ xa se pode visitar no paseo de Cesantes

    O traballo realizado polo Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy, permitiu que a mostra conte coas fotografías de 9 mulleres máis que formaron parte da rede solidaria coñecida como 'as madiñas'.

    O paseo de Cesantes, coa Illa de San Simón como telón de fondo, acolle dende hoxe a exposición fotográfica ‘As Mulleres da Illa’, un recoñecemento público a todas mulleres que nos complexos e perigosos tempos da Guerra Civil e da posguerra, teceron unha rede solidaria capaz de levar esperanza aos presos políticos que agardaban, na illa, un futuro incerto.

    A alcaldesa Digna Rivas, acompañada por representantes do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy, presidiu o acto inaugural acompañada por concelleiras e concelleiros do grupo de Goberno e da Corporación Municipal. Realizábase, con este acto, a inauguración oficial da exposición inicialmente prevista para o 16 de abril –coincidindo coa apertura da mostra na Alameda Castelao– pero que tivo que se adiada polas malas condicións meteorolóxicas deses días.

    “A exposición tiña que vir necesariamente aquí, a Cesantes, coa Illa de San Simón á vista como recordatorio de tempos escuros que enmarcan a heroicidade destas mulleres ás que neste ano homenaxeamos”, afirmou a alcaldesa nas súas palabras.

    Riva agradeceu o “traballo incansable” do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy que permite “que hoxe, aquí en Cesantes, a exposición conte coas fotografías de nove mulleres máis que formaron das coñecidas como as madriñas, “mulleres que non só exercían de lavandeiras –afirmou a rexedora redondelá– senón que co risco que naqueles tempos supuña, servían de correos entre os presos políticos e as súas familias e facíanlles chegar roupa, medicinas e mesmo alimentos”.

    Foron heroínas –concluíu– “que achegaron esperanza aos presos sen pensar, nin tan sequera, no risco que iso supuña. Este recoñecemento é, polo tanto, unha obriga que tiñamos non só con elas, senón coas súas familias. E un xeito de dicirlles grazas”

    Trala apertura da exposición en Cesantes, mañá sábado, 17 de xullo e xa na propia Illa de San Simón, terá lugar o acto institucional de recoñecemento ao traballo destas mulleres. O acto desenvolverase pola tarde e no transcurso do mesmo intervirá Cecilia Orge para glosar e falar da historia das mulleres solidarias de San Simón; a presidenta da Deputación, Carmela Silva e a alcaldesa Digna Rivas. Ademais a música estará a cargo de Antía Muíño.

    As circunstancias da pandemia obrigaron a limitar a 200 persoas o número de participantes. Desta maneira poderán acudir apenas dúas persoas por familia, representantes dos colectivos que colaboraron na homenaxe e representantes de distintas institucións. O Concello de Redondela tamén convidou aos alcaldes e alcaldesas dos concellos limítrofes da Ría de Vigo, á Deputación de Pontevedra e á Xunta de Galicia.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.