A Deputación de Pontevedra xa ten en marcha as obras de ensanche e mellora da seguridade viaria na EP-2906 Os Valos-Guizán en Redondela, que permitirán a transformación integral desta estrada, na que se reordena a circulación peonil, ciclista e rodada baixo o modelo de mobilidade segura e amable da Deputación. Esta ambiciosa actuación, na que o ente provincial inviste máis de 320.000 €, ten un prazo de execución de cinco meses.
A esperada obra desenvólvese nun tramo de 740 metros da citada estrada (do pq. 2+180 ao 2+920), que ten un total de 2,9 quilómetros e conecta a PO-2602 co aeroporto de Peinador e a N-550. Trátase dun treito moi densamente poboado, de xeito que esta reordenación integral busca mellorar a seguridade, promover unha mobilidade urbana sostible para favorecer o transporte ciclista e peonil e reducir as emisións de carbono.
As obras contemplan a modificación da sección da estrada con solucións destinadas á mellora da mobilidade e o calmado de tráfico. Os traballos comezaron no tramo comprendido entre o pq 2+180 e o PQ 2+390, onde xa se actuara coa construción dunha beirarrúa na marxe dereita, polo que as obras céntrase na beiravía esquerda, cunha importante ampliación para a mellora da seguridade viaria. A continuación, na zona de maior densidade vaise crear unha plataforma única de convivencia entre peóns e vehículos coa correspondente sinalización horizontal e vertical. Dende este punto engadirase sección á estrada para gañar un carril peóns-bicicletas. Para elo habilitarase unha franxa con elementos separadores, de 50 cm de anchura, para protexer a senda peonil ciclista, que terá outros 2 metros de ancho.
A actuación tamén permitirá reducir a velocidade do tráfico no viario a 30 quilómetros por hora, mellorando as condicións de seguridade peonil, e coa redución dos niveis de ruído, gases de efecto invernadoiro e emisións de CO2. Haberá para elo redutores de velocidade e no treito de plataforma única reducirase o límite aos 20 quilómetros por hora.
Procederase tamén ao soterramento dos cables aéreos e á instalación dun novo sistema de iluminación, substituíndo os actuais farois dun elevado consumo, por outros que reducirán o impacto enerxético e medioambiental. Ademais, optimizarase o alumeado, que actualmente só está pensado para o tráfico, ás novas circunstancias de mobilidade integral. A desaparición dos actuais postes de formigón contribuirá, a maiores, á mellora da seguridade.