Domingo, 26 Xaneiro de 2025

Salvaterra de Miño inicia a mellora de camiños en Lourido, Fornelos e Meder

A alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, vén de asinar o contrato da obra ‘Mellora de camiños municipais en Lourido, Fornelos e Meder’ coa empresa adxudicataria do concurso público Naron SL, financiada con cargo á subvención concedida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Consellería de Medio Rural ao abeiro do Plan de mellora de camiños municipais 2019-2020 e achega municipal con cargo ó orzamento do Concello, por un total de 64.603,11 euros.

A execución desta obra pretende satisfacer a necesidade de mellora de dous camiños municipais, o primeiro deles atravesa as parroquias de Lourido e Fornelos, discorrendo entre os núcleos de Cotorreal e Enxembre; o segundo localízase na parroquia de Meder, nas inmediacións do núcleo de Codeseda.

En ambos camiños o firme actual é de aglomerado asfáltico atopándose nun estado notablemente deteriorado. Por iso se dotará aos viais dunha nova capa de rodadura sobre o pavimento asfáltico existente, para mellorar a calidade e seguridade de ambos camiños. A obra conta cun prazo de execución de 5 meses.