O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, anunciou onte que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vai licitar este ano a reforma do IES Salvaterra de Miño. Segundo informou, o departamento educativo está redactar o proxecto, que contempla unha reordenación dos espazos co traslado da FP Básica de Madeira e o ciclo asociado ao metal que se imparte na actualidade.
Cun investimento previsto de 400.000 euros, a actuación consistirá no acondicionamento interior da planta baixa, que albergaría dúas novas aulas para usos múltiples quedando o espazo que ocupan na actualidade baleiro e que pasarán a ocupar os actuais ciclos de Formación Profesional.
Así o aseverou na súa visita ao centro o representante autonómico, quen estivo acompañado pola tenente de alcalde do Concello de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel. Neste senso, ambos insistiron na necesidade de adaptar as instalacións ás ofertas formativas para o correcto funcionamento do centro, posto que ata o de agora o taller do ciclo de madeira atópase nun local alugado ao Consistorio.
O delegado territorial da Xunta, Ignacio López-Chaves e a tenente de alcalde de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, na visita realizada ao CEP Carlos Casares
Por outra banda, o delegado da Xunta aproveitou a súa visita a Salvaterra de Miño para visitar o CEP Carlos Casares, do que avanzou que a xefatura provincial traballa xa no proxecto de cambio da cuberta, que anunciou para este 2019.
Desde o ano 2009, a Xunta investiu máis de 700.000 euros en melloras educativas neste municipio pontevedrés. No caso do IES Salvaterra de Miño, esta última actuación elevaría o investimento da Consellería de Educación neste centro ata os preto de 550.000 euros.