Martes, 29 Abril de 2025

Xose Represas, “cunha orde cautelar de afastamento non se fai política, aplícase a lei”

“Agradecemos ao PSOE as suas suxestións que compartimos plenamente e teranse en conta no caso de que os informes xurídicos que solicitei o permitan”. O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, contestaba así ao PSdeG-PSOE sobre as medidas a adoptar sobre un traballador municipal que ten unha orde cautelar de afastamento da súa exmuller, agora tamén contratada polo concello ponteareán.

Xosé Represas é claro ao sinalar que “coincidimos co PSOE en que hai que tomar as medidas necesarias para xestionar esta situacion que é excepcional e inédita porque nunca antes ocurrira, nin nos consta que ocurrise noutros concellos”.

En todo caso, o rexedor local ponteareán é claro ao afirmar, con rotundidade, que “o goberno que presido non actúa en base a rumores aínda que algúns partidos o fagan. Neste tema ademais debe actuarse en base á legalidade e non a criterios políticos ou ao que nos gustaría máis ou menos”.

O alcalde, que xa solicitou informes xurídicos, tamén requiriu os informes do Centro de Información á Muller (CIM) e non dubidou en asegurar que “actuaremos e ademais serviranos para ter un protocolo cando se dea unha situación igual. Desde o inicio tomouse a medida principal que consistía en garantir o cumprimento da orde de afastamento entre dous traballadores. Se proceden outras medidas verase conforme a lei e os informes”.

Remataba o rexedor local ponteareán agradecendo “a preocupación do PSOE que comparto” e ao mesmo tempo facía un chamamento “a todos os partidos e sindicatos a non facer política con este asunto”.