Debido ao impacto, a un dos camións rompeulle o depósito de combustible, quedando espallado por todo o viaducto.
Faltaban dez minutos para as dez desta mañá cando un dos camioneiros implicados, camión de penso, contactou co 112 para informar de que acababa de ter un accidente na A-52, no punto quilométrico 295, en Moreira, na localidade pontevedresa de Ponteareas. Tamén, a esa hora, o condutor do outro camión implicado (que transportaba cartón), informaba do mesmo accidente ao 112.
A partir de aí, os xestores de emerxencias pasaron aviso decontado aos axentes de Tráfico, á Policía Local e a Protección Civil. Así mesmo, informouse da situación ao persoal de mantemento da autovía, quen, de inmediato, solicitou a colaboración dos GES-SPEIS de Ponteareas por mor da cantidade de combustible que quedou derramado pola estrada debido ao impacto.
Unha vez no punto, os Bombeiros confirmaron a extensión da mancha de combustible nunha ponte sobre o río Tea, polo que, tamén foi avisado o persoal da Confederación Hidrográfica do río Miño-Sil, co fin de colocar barreiras de anticontaminación e evitar que a vertedura chegue ao río.
Polo momento, os servizos de emerxencia confirmaron o corte do carril afectado pola vertedura mentres duren as tarefas de limpeza da vía.
Un ferido en Ponteareas
Por outra banda, tamén en Ponteareas, un varón de avanzada idade, resultou ferido esta mañá tras chocar contra un poste de alumeado despois de saírse da vía.
O accidente ocorreu sobre as 09:50 horas, en Xinzo, cando circulaba pola N-120, á altura do cruce da Igrexa.
Nada máis recibir a chamada dun particular, o 112 Galicia informou do suceso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se encargou da evacuación do ferido, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e a Protección Civil. De igual xeito, foron avisados os Bombeiros da localidade e o persoal do servizo de mantemento da estrada e ao da empresa subministradora da luz que abastece a zona, posto que, debido ao impacto, o poste partiu quedando o cabreado espallado pola estrada.