Sábado, 2 Novembro de 2024

Ribadetea prepárase para vivir un Rancho de Reis, o primeiro dende hai máis de medio século

O domingo 29 de decembro, a parroquia ponteareá de Ribadetea vivirá un Rancho de Reis, o primeiro dende hai máis de medio século e que chega da man do Rancho de Reis de Fozara nunha iniciativa da Asociación de Veciños de Ribadetea que busca, entre outras cousas, poñer en valor unha tradición centenaria.

O Rancho de Reis terá lugar ás 13 horas, unha vez rematada a misa. Antes, cara ás 12 horas, a Asociación de Veciños abrirá as portas do Museo Etnográfico, A Casa da Obra, onde estará exposto –entre outras moitas cousas– o carro dos mortos da parroquia que, no seu tempo, levaba as persoas falecidas dende a casa ata o lugar do enterro. E, por certo, o último ‘carro dos mortos’ que se recorda en uso na comarca.

Con esta iniciativa, a Asociación de Veciños de Ribadetea busca recuperar e poñer en valor as “tradicións perdidas da parroquia” que forman parte da propia identidade de Ribadetea. Este primeiro paso terá a súa continuidade no mes de febreiro no que a Asociación o intentará de novo coas ‘perriñas’.

O 2020 será, sen dúbida, “un ano moi cultural e tradicional en Ribadetea”, aseguran dende a Asociación veciñal.