O Concello de Ponteares súmase a ‘Galegas dixitais’, un programa de formación totalmente gratuíto que ten por obxectivo a dixitalización de mulleres demandantes de emprego, especialmente no rural. O Centro de Desenvolvemento Local acollerá as clases deste completo curso no que todas as participantes poderán gozar dunha completa formación en ferramentas que “sen dúbida favorecerán a empregabilidade e impulsarán o emprendemento nun momento no que as competencias dixitais son fundamentais non só para o futuro laboral, senón para realizar calquera tipo de trámite”, salientan as concelleiras responsables deste curso, a edil de Formación e Emprego, Vanesa Fernández, e a de Medio Ambiente, Rosa Covelo.
O programa ofrece un itinerario formativo deseñado “para ir avanzando dende un nivel básico cara a outro máis avanzado”. Por ese motivo, o primeiro curso será de competencias dixitais básicas, e contará con 40 horas de formación que comezarán o vindeiro 19 de setembro e rematarán o 28 de outubro. As clases serán de 16.00 a 21.00 horas. Ao remate do curso, as participantes recibirán un título oficial acreditativo.
Para o desenvolvemento da actividade lectiva, cada participante recibirá unha tablet ou un Chromebook que ao finalizar as accións formativas seralle entregado como agasallo.
As mulleres demandantes de emprego interesadas en participar poderán facer as súas consultas escribindo a través de Whatsapp ao teléfono 604 039 575. As inscricións poden xa realizarse a través da páxina web do programa.