11.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas, saída do «II Terras Meigas Rider Roadbook»

    Ponteareas, saída do «II Terras Meigas Rider Roadbook»

    Centro cincuenta motoristas percorrerán a comarca para descubrir o seu valor paisaxístico e histórico

    Cen motos e 150 participantes pecharon a inscrición do «Terras Meigas Rider Roadbook 2019», un evento que arrancará por segundo ano consecutivo dende diante da Casa do Concello de Ponteareas para percorrer, guiándose cun roadbook ou libro de ruta, as comarcas do Condado e da Paradanta e grande parte da provincia de Pontevedra chegando ata concellos ourensáns como o de Melón.

    Este ano a proba presenta unha novidade e convértese en internacional adentrándose nas localidades fronteirizas portuguesas.

    Os e as motoristas terán a ocasión única de descubrir puntos de grande interese paisaxístico e tamén poderán admirar boa parte do noso patrimonio histórico. Ademais de degustar produtos locais tradicionais como as rosquillas de Ponteareas ou o requeixo das Neves.

    Chegadas de distintos puntos da xeografía española e portuguesa tomarán esta fin de semana o noso concello grazas á iniciativa do ponteareán José Manuel Peixoto que, co apoio de voluntarios e colaboradores, deseñou unha ruta de asfalto e outra de modalidade trail para que, independentemente do tipo de moto, todos e todas as afeccionadas puideran participar.

    A ruta de asfalto percorrerá na xornada do sábado 330 km e na do domingo 121 km, mentres que a trail fará 276 km na mañá e tarde do sábado e 111 km na mañá do domingo. As dúas alternativas partirán o sábado ás 10:00 horas de diante do concello e rematarán no Paseo Matutino na cafetería Balú para cear no Centro Artístico Sportivo e desfrutar coa actuación de Manquiña no Jota.

    O domingo as motos arrancarán as nove da mañá dende o Paseo Matutino para percorrer a fondo algunhas parroquias do noso concello e algúns concellos veciños da nosa comarca e de Portugal. A xornada remata ao mediodía no centro de interpretación co río Tea (CITEA) no que reporán enerxías e desfrutarán da música de Voces do Arrieiro. Pero esta non é a única actuación musical xa que tamén actuará Gabriel Cracium e a música de Loop discomovil en diferentes puntos da ruta.

    O concello porá a disposición dos participantes o pavillón do instituto Val do Tea para pernoctar na noite do sábado para o domingo.

    A tenente de alcalde e concelleira de Eventos, Cristina Fernández, agradece o esforzo da organización e salienta a importancia deste tipo de eventos “que atraen visitantes e contribúen na dinamización da economía local”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.