Martes, 11 Febreiro de 2025

Ponteareas pecha as Festas de Setembro cos tradicionais Globos de San Miguel

Os tradicionais globos de San Miguel chegarán á praza da igrexa este domingo día 29 ás 13:30 horas para poñer fin ao programa das Festas de Setembro. Serán seis globos deseñados por Vicky Amoedo e Enrique González e realizados de xeito artesán polas traballadoras da biblioteca e da oficina de Turismo que contaron co apoio de Liliana Valencia e Enrique González.

Dende o centro da praza da igrexa estes seis globos surcarán o ceo da comarca para transmitir unha tradición que chega cada ano co peche das festas de setembro. O concelleiro de Cultura e Lingua, Fernando Groba, agradeceu “o intenso traballo realizado por todos e todas na confección destes delicados globos”.

Son moitas as xornadas dedicadas a dar forma con papel de seda de cores a estas seis xoias que serán descobertas despois do concerto da Banda de Música Unión de Guláns ás 11 diante do Casa do Concello.

Ás 19:30 horas a sala multiusos do auditorio municipal acollerá o concerto de folclore arxentino con Casiana Torres. As orquestras porán ritmo á xornada do domingo a partir das 21 horas na praza Bugallal con Orquestra Suavecito e ás 22:30 horas coa orquestra Cinema.

O luns 30 de setembro, festividade local, as rúas do centro urbano serán da infancia e a partir das 18 horas haberá animación infantil con Benito e Rufina. Ás 20:30 horas os Festicultores Troupe actuarán nas rúas do centro urbano e ás 22:30 horas pechará as festas a orquestra La Fórmula.