O acalde de Ponteareas, Xosé Represas, informou nunha recente reunión do Consello Sectorial Social do proxecto de mellora do centro municipal ubicado en Canedo que acolle o obradoiro ocupacional de persoas con discapacidade coñecido por ‘Asprodico’ así como os locais da Asociación de Veciños de Canedo e tamén da Asociación Adapta. O obxecto do proxecto, que ten un custo total de 305.186,30 euros, é mellorar o edificio coa reforma da envolvente térmica e dotar de instalacións de climatización para mellorar a confortabilidade das instalacións e a redución das emisións de CO2.
Represas tamén deu conta da chegada dunha boa noticia que asegura a realización destas obras; o proxecto vén de ser seleccionado polo IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro Enerxético) coa concesión dunha subvención de 216.732,24 €. O Concello de Ponteareas presentara no pasado mes de marzo este proxecto á convocatoria de axudas de proxectos singulares das entidades locais do Programa Operativo FEDER da Unión Europea de crecemento sostible que xestiona o IDAE. O Concello asumirá o coste do importe restante, 88.454,06 €.
Coas actuacións contempladas no proxecto lograrase un aforro no consumo do edificio do 56% para o que se acometerá o illamento das fachadas polos exterior dos diferentes módulos, illamento da cuberta polo exterior e dos falsos teitos, substitución das
carpinterías exteriores dos módulos superiores, renovación integral dun local da planta baixa e acondicionamento da soleira de tódolos módulos da planta superior, entre outras actuacións.
Reunión do Consello Social
“As melloras nestas dependencias benefician principalmente aos usuarios das mesmas; veciños e veciñas que participan nos obradoiros ocupacionais –Asprodico–, nenos e nenas do servizo de Atención Temperá, socios e socias de Adapta, usuarios/as e familiares de enfermos de alzhéimer e outras demencias que veñen utilizando estas instalacións, e tamén as/os veciñas/os de Canedo que utilizan unha parte destas instalacións e que agora contarán cun maior espazo ao adecentar un local máis na planta baixa que na actualidade non reúne as condicións de uso” explicou a concelleira de Benestar, Verónica Carrera, na reunión do Consello Social.
Neste encontro, a concelleira nacionalista presentou o Programa de Vivendas de Alugueiro Social. “O obxectivo deste programa é crear unha bolsa de vivendas para aquelas persoas ou familias que teñan dificultades para acceder a unha vivenda de alugueiro”. Ademais, o programa garantirá ás persoas que conten cunha vivenda valeira unha nova posibilidade de poñela en alugueiro cunha serie de garantías a cargo do Concello; seguro multirrisco do fogar, seguro garantía de cobro, custos ordinarios da comunidade, etc…
Na reunión do Consello Social acordouse pór en marcha un grupo de traballo para concluír o Programa de Vivendas Baleiras para a súa aprobación posterior.
Incremento dun 66% do orzamento de Benestar Social dende 2015
No Consello Social tamén se deu conta da previsión dos orzamentos municipais da área de Servizos Sociais para 2021 que acadarán os 3.310.953,14 €, Verónica Carrera salientou o incremento nos orzamentos desde 2015 “Nestes cinco anos incrementamos en máis de 1.300.000 euros os orzamentos destinados a Benestar; pasamos de 1.990.000
euros en 2015, o primeiro ano do goberno nacionalista e progresista a 3.310.000 euros previstos para 2021, o que supón un 66% máis que en 2015. En canto as axudas e subvencións a partida destinada duplicase con respecto a 2019, último exercicio anterior ao COVID-19, pasando dos 117.000 euros destinados á axudas de emerxencia social ao 234.000 que figuran nas previsións do capítulo 4 de subvencións para o 2021.