A Concellería de Cultura, que dirixe Fernando Groba, e a Concellería de Eventos, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina Fernández, veñen de anunciar que xa está a disposición da cidadanía o novo programa cultural trimestral que ao longo destes días chegará a todos os fogares de Ponteareas, tanto do centro urbano como das parroquias.
Actividades e propostas “para todos os públicos e tendencias” que se ofertarán tanto no centro urbano como nas parroquias e totalmente de balde e abranguen exposicións, cine, concertos, música, monólogos, feira de oportunidades, obradoiros, homenaxes, teatro, festas e ciclos de humor. Un programa, sinalaron, dirixido a toda a cidadanía e “actividades nas que poderán participar todas as familias”.
Cristina Fernández adianta que nesta programación cultural haberá “actos entrañables” como o concerto con motivo do 90 aniversario do mestre Rogelio Groba Groba e iniciativas novidosas ou variadas como a Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas que este ano teén un pase libre para o público en xeral ou congreso de Patrimonio do Condado, organizado pola concellería de Cultura que dirixe Fernando Groba.
O programa cultural trimestral tamén se poderá atopar na Biblioteca Pública Municipal, na propia Casa do Concello ou nesta ligazón web.