O goberno do BNG-PSOE do Concello de Ponteareas deu conta hoxe da apertura do prazo de licitación das obras de humanización e mellora da accesibilidade na contorma do complexo deportivo ‘Álvaro Pino’ e do Centro de Saúde. Ata o 12 de marzo, ás 14 horas, terán de prazo as empresas para presentar as súas propostas a través “dun concurso público aberto que garante a transparencia e igualdade de oportunidades para a execución deste proxecto”, sinala o Goberno local.
As obras estarán financiadas polo Concello de Ponteareas e da Deputación de Pontevedra a través do Plan de Remodelación e Mellora de Seguridade dos Viarios Municipais (Deporemse) cun orzamento de licitación de 526.614,11 € (IVE incluído) dos que o organismo provincial aportará 421.291,29€ e o Concello 105.322,82 €.
As obras suporán a transformación completa de todos os espazos públicos situados entre o complexo deportivo e as estradas que o rodean: N-120, estrada Ponteareas-Mondariz e acceso ao Centro de Saúde. Combinaranse amplos espazos verdes e arborados con zonas de estacionamento e executaranse novas beirarrúas e melloras da seguridade viaria renovándose os accesos ao centro de saúde e á zona deportiva da piscina e pavillóns.
O alcalde, Xosé Represas, e a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, destacaron a importancia dunha actuación “que constitúe un exemplo máis do cumprimento de compromisos adquiridos coa cidadanía mellorando o entorno para ser desfrutado polas persoas, e ofrecendo así unha cidade na que cada día se mellora a calidade de vida convertendo Ponteareas nun concello no que vivir”.
Os traballos perseguen tamén “facilitar a mobilidade desde o regato da Venda cara o río Tea e a súa senda e mellorar o aspecto e a estética urbana dunha das principais entradas á vila de Ponteareas”. Con ese obxectivo tamén se eliminará a construción adicada antigamente a posto da Cruz Vermella e despois a oficina de turismo, edificación que se atopa en estado ruinoso afeando a zona.