O goberno local celebrará mañá xoves, ás 19:30 horas, na sala multiúsos do auditorio municipal Reveriano Soutullo, un encontro co tecido deportivo da localidade. O obxecto do encontro, no que estarán presentes o alcalde, Xosé Represas; a concelleira de deportes, Nahir Covelo e o concelleiro de Participación Cidadá, Roberto Mera, é expoñer as liñas de traballo e os obxectivos da área que dirixe a nacionalista Nahir Covelo.
Á reunión están convocados todos os clubs deportivos da localidade así como os deportistas a título individual. Nahir Covelo adiantou que neste mandato “introduciránse importantes cambios no funcionamento da área de deportes para dar resposta eficaz ás aspiracións do enorme tecido deportivo co que contamos en Ponteareas”.
Ademais, tamén se informará aos clubs sobre as bases que rexerán a nova convocatoria de subvencións que se porá en marcha de inmediato.