18.5 C
Pontevedra
Martes, 15 de Outubro de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasO Concello lembra que o confinamento de mes e medio é o...

    O Concello lembra que o confinamento de mes e medio é o que prexudica o comercio e hostalaría e non o tráfico

    “Non hai caos circulatorio nin atascos, só as incomodidades e cambios de hábitos inevitábeis por obras importantes”, aclara Mera ante as críticas do PP

    O goberno local saíu ao paso das críticas do PP sobre o tráfico en Ponteareas. “É certo que hai moitas obras e iso é o que realmente parece molestar o Partido Popular”, sinalou o concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, “pero falar de caos circulatorio e de atascos a diario é unha esaxeración que non se sostén”. Segundo o edil nacionalista, o que hai son “algunhas incomodidades e cambios nalgúns hábitos de circulación, inevitábeis cando se fan obras tan importantes. Converter iso nun drama ou nunha traxedia apocalíptica, coma fai o PP, é propio de quen ten tolerancia cero ás molestias ou interese en facer política demagóxica”, conclúe Mera.

    Segundo o concelleiro, os datos obxectivos reflicten unha realidade diferente. Actualmente, sinala, na vila hai 8 rúas e unha praza total ou parcialmente en obras. En tres circúlase con normalidade, noutras tres está garantido o acceso de residentes e servizos e tan só dúas rúas están cortadas completamente ao tráfico: Benavides e San Roque, rúas moi curtas, sen usos comerciais e con poucos residentes que ademais teñen o acceso garantido. No resto da rede viaria da vila, que representa o 85% do viario, non hai obras e circúlase con normalidade. O 100% dos aparcadoiros públicos continuan abertos e tan só un, o de Santa Ana, non é accesíbel os sábados de mañá polo mercado municipal. Ademais nos vindeiros días abriranse dous novos aparcadoiros que suman unhas 100 prazas máis.

    O concelleiro de Mobilidade engade que “está facéndose a xestión do tráfico que é posíbel, adaptando día a día a circulación ás obras, dándolles continuamente información pública xeral e específica aos residentes, comerciantes e servizos de emerxencias de cada cambio e organizando alternativas de circulación e accesibilidade”.

    O PP asegurou que as persoas das parroquias non fan as compras en Ponteareas prexudicando o comercio e hostalaría e achacan este feito a que é misión imposíbel acceder á vila. Mera amósase sorprendido e lembra que “Ponteareas está confinada por orde da Xunta de Galicia desde o inicio de novembro. Polo tanto, a veciñanza das parroquias só pode mercar en Ponteareas e, ademais, dispón de todos os accesos rodados á vila abertos, agora con menos tráfico e máis prazas de estacionamento ao estarmos pechados ao resto dos concellos”. Mera lémbralle ao PP que “o que prexudica o comercio non son as obras en oito rúas, senón o confinamento ordenado pola Xunta que dura xa mes e medio e que acabou coa clientela de toda a comarca nestas datas de máis consumo. A hostalaría só pode traballar en terraza, ao 50% e até as cinco da tarde por decisión da Xunta; por iso, culpar dos males do comercio e hostalaría ao tráfico e ás obras non é propio dunha oposición seria e útil”. O edil engadiu que “o que tamén prexudica o comercio e negocios de Ponteareas é ter forzas políticas que a diario falan mal de Ponteareas e propagan fóra da localidade unha imaxe negativa e falsa da nosa vila”.

    Mera anunciou que “para que a oposición poida ser construtiva, será convocada esta semana a unha reunión de traballo. Aí comprobaremos se teñen algunha idea viábel e posíbel que mellore a nosa xestión do tráfico ou se as críticas son gratuítas e sen fundamento”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.