O Concello xa ten aberto o prazo de presentación de solicitudes para as subvencións municipais ás comunidades de usuarios de augas de consumo de Ponteareas, unhas axudas ás que destinará 70.000 euros para a mellora das instalacións durante o ano 2022.
A través destas subvencións en réxime de concorrencia competitiva que se levan adxudicando dende 2018, o goberno municipal busca colaborar coas traídas veciñais “para que realicen investimentos que redunden na melloría do servizo, que sirvan para fomentar o asentamento no rural, para promover o emprego local e para dinamizar o asociacionismo veciñal na nosa vila”, explica a alcaldesa Cristina Fernández Davila.
As entidades interesadas poden acceder ás bases xunto aos formularios en formato editábel a través da sede electrónica do Concello ou na páxina web. A data límite de presentación é o vindeiro 19 de setembro. Estas axudas, financiadas con fondos propios do Concello, cobren ata o 80% do investimento a realizar cun límite de 18.000 euros por traída.
Con estas axudas as comunidades de usuarios de augas de consumo poderán financiar a contratación de obras, a adquisición de materiais, a man de obra ou equipamentos asociados a melloras na captación de augas, no sistema de almacenamento e potabilización, na rede de distribución de auga e na renovación das instalacións.
Esta liña de subvencións é un paso máis no compromiso do goberno municipal coas traídas de augas veciñais para a xestión dun recurso “de vital importancia, por iso debemos colaborar todo o que poidamos coas comunidades, que están a facer un labor fundamental para que a gran maioría da veciñanza rural conte con este servizo básico e prioritario. Por iso non podemos máis que agradecerlles a súa implicación e garantirlles que dende o Concello continuaremos colaborando con elas e con todos os veciños e veciñas no que precisen”, destaca a rexedora.