O alcalde Xosé Represas saíu ao paso das declaracións realizadas polo grupo municipal ACIP nas que informa sobre unha sentenza que recoñece ao voceiro do grupo, Juan Carlos González, o dereito a acceder a diferente documentación, principalmente os partes diarios da Policía Local de varios meses.
Represas explica que “o acceso á documentación por parte da oposición non o decide o alcalde de forma caprichosa ou arbitraria nin ao seu antollo. As solicitudes da oposición son examinadas polos servizos xurídicos municipais, asesoría xurídica ou secretaría, e incluso en ocasións pola asesoría xurídica da Deputación Provincial. O alcalde limítase a autorizar ou denegar o acceso dacordo cos informes que emiten os servizos xurídicos”.
No caso obxecto de xuizo, indica o alcalde, dous informes xurídicos da Deputación Provincial consideraban que non se debía autorizar o acceso á documentación. O principal motivo era que ACIP pretendía acceder a todos os partes diarios da Policía Local de 60 días, sen especificar a materia ou un asunto concreto. Hai que lembrar que os partes diarios da Policía Local recollen numerosa información con datos persoais e sucesos que afectan a veciños e que están protexidos por lei.
Represas sinala que “as normas xurídicas son interpretabeis. Os servizos xurídicos da deputación e do concello consideraban que non se debía autorizar o acceso a esa documentación e o Alcalde actuou en consecuencia. Agora un tribunal interpreta que esa documentación debe ser entregada e o alcalde actuará dacordo con esa nova interpretación autorizando o acceso a documentación”.
O alcalde rexeita as acusacións de falta de transparencia. “Tendo en conta que eu me limito a autorizar ou denegar seguindo o que me indican os servizos xurídicos ou, no seu caso, os tribunais, non se pode acusar a este alcalde de ocultar información nin de cometer ilegalidades. Ao contrario, estou obrigado a actuar dacordo cos informes xurídicos, porque se non os tivera en conta entón si que actuaría ilegalmente”.