A Corporación do Concello de Ponteareas, por iniciativa do Goberno local, aprobou por unanimidade instar á Xunta de Galicia e ao Parlamento Galego a atender as demandas prioritarias de Ponteareas, moitas delas reclamadas dende hai anos, contemplando nos seus orzamentos para 2020 as partidas económicas precisas para servizos tan básicos como abastecementos e saneamentos.
Entre esas necesidades básicas salienta tamén o Goberno local o da nova escola infantil, investimentos en centros educativos, apoio ao conservatorio municipal de música, mellora de seguridade viaria, a mellora da Ponte dos Remedios e a contorna da praia fluvial da Freixa ou a creación dun centro de encontro familiar, ademais da renovación da residencia de maiores así como a dotación dunha segunda ambulancia ás 24 horas para toda a comarca.
Na explicación de motivos da moción aprobada, o alcalde Xosé Represas lamentou que a Xunta se esqueza das necesidades dos e das ponteareás, “necesidades que son unha obriga da Xunta de Galicia por tratarse de investimentos e actuacións que son da súa competencia”.
Entre estas necesidades básicas que Ponteareas reclama que figuren nos orzamentos da Xunta para 2020 están a ampliación da rede de abstecemento de auga en San Mateo e Moreira e a primeira fase do colector xeral de saneamento de Ribadetea en base ao proxecto que está redactando Augas de Galicia.
No pleno ordinario de outubro o alcalde deu a palabra a un representante da plataforma veciñal de Ribadetea que salientou a importancia de que as administracións sexan proactivas e cumpran os compromisos adquiridos sen a necesidade de que a veciñanza teña que exercer unha presión contínua, ademais quixo trasladarlle tanto ás autoridades presentes como á Xunta “o malestar da veciñanza de Ribadetea ao ser esquecida e non ter este servizo básico a pesar de ser unha das máis poboadas do concello”.
A Xunta tamén debería prever, segundo adianta o goberno, a primeira anualidade para cofinanciar coa Confederación Hidrográfica e co concello as obras de mellora de saneamento e ampliación da EDAR en base ao proxecto xa redactado pola propia Confederación tendo en conta que estas obras foron declaradas de interese xeral do Estado.
O goberno recórdalle a Xunta a necesidade de construir unha nova escola infantil, a primeira que a Xunta faría en Ponteareas tendo en conta que cada curso perto dun cento de nenos e nenas quedan sen praza na actual escola municipal. Unha escola infantil municipal que, por certo, o Goberno de González Solla anunciaba “de inminente construción”.
A mellora da eficiencia enerxética e reforma do CEIP Fermín Bouza Brey así como distintas obras noutros CEIPs e institutos tampouco serán posibles se a Xunta non contempla nos seus orzamentos unha partida.
Outras das demandas é a construción de sendas peonís e ciclistas en determinados tramos das estradas autonómicas Ponteareas-Salvaterra, Mondariz-Ponteareas, na PO-252 de Prado a Pazos de Borbén e na estrada PO-402 Vilasobroso-Salvaterra.
No mesmo sentido a necesaria mellora da residencia municipal de maiores e as actuacións na praia da Freixa e na Ponte dos Remedios.