Mércores, 12 Febreiro de 2025

Mobilidade sustentable e accesibilidade universal, obxectivos da Concellería de Mobilidade para este mandato

A Concellería de Tráfico e Mobilidade que dirixe Roberto Mera fixo públicos os seus obxectivos para o actual mandato coincidindo coa Semana Europea da Mobilidade. Mera marcou dúas liñas de traballo e obxectivos na súa área para os vindeiros catro anos: a mobilidade sustentábel e a accesibilidade universal.

O Concelleiro ponteareán explicou que as políticas de mobilidade “terán como punto de partida o Plan de Mobilidade Sustentábel e de Accesibilidade nos Espazos Públicos, que, cun importe de 32.000 euros, se prevé adxudicar a vindeira semana”.

“O Plan –engadiu Roberto Mera– estará acompañado dun proceso de participación cidadá e deberá estar redactado antes de finalizar o ano”. No Plan detallaranse as actuacións que Ponteareas deberá a cometer nos vindeiros anos en todos os eidos, así se marcaran as iniciativas en “materia rede de estradas, rúas e beirarrúas, de tráfico rodado a motor e estacionamentos, mobilidade a pé ou en bicicleta, seguridade vial, transporte público e supresión de barreiras arquitectónicas”.

No que á mobilidade sustentábel fai referencia, o goberno local fomentará os desprazamentos peonís e ciclistas reducindo os motorizados, dando un gran impulso aos proxectos de humanización no centro urbano. Do mesmo xeito abordarase a mellora do transporte público, tanto interurbano como entre as parroquias e o centro urbano, dando ademais unha solución definitiva á situación da Estación de Autobuses.

Respecto ao tráfico motorizado, ampliaranse os aparcamentos aproveitando as novas previsións do PXOM e se abordará a desconxestión viaria reordenando o tráfico urbano e analizando as alternativas de conexión da vila coa A-52 e desta co parque empresarial da Lomba. Tamén se adoptarán “medidas urxentes” en materia de seguriade viaria, especialmente no relativo a pasos de peóns, moitos deles perigosos por falta de iluminación ou existencia de obstáculos visuais.

En canto á accesibilidade universal, engade Roberto Mera, logo da diagnose que se fará no Plan de Mobilidade sobre a situación actual, “executaranse numerosas medidas de mellora nos espazos e edificios públicos e na rede viaria que garantan a accesibilidade das persoas con mobilidade limitada”.

Mera informou de medidas adoptadas hoxe en materia de mobilidade: por unha banda iniciouse o procedemento para adxudicar a humanización da rúa Redondela, logo de recibir a autorización de Patrimonio hai poucos días; por outra parte, a Concellería de Mobilidade “deu hoxe resposta a unha importante demanda social coa publicación dos horarios refundidos de todas as liñas de autobuses que operan en Ponteareas, dispoñibeis xa na web municipal e na propia Estación de Autobuses”.