O club natacion Ponteareas participou no Campionato de España Alevin cun equipo formado exclusivamente por 4 nadadoras, que acreditaran marcas mínimas para poder participar nesta competición, na que se dan cita as mellores nadadoras e nadadores do panorama nacional, de idades comprendidas entre os 12 e 13 anos. As nadadoras ponteareás conseguían rematar a competición nun extraordinario quinto posto dun total de 117 equipos femininos que participaban nesta importante cita deportiva.
A pesar do reducido número de participantes, Iria Lemos, Sofía Carballo, Inés Borge e Uxía González teñen na súa xenética a ambición e a mentalidade positiva marcada desde que, moi de nenas, comezaron nesta disciplina, e lonxe de amedrentarse, agrándanse fronte ás adversidades.
Tras a disputa das súas probas individuais e das de relevos de 4×100 m e 200 m libres e 4×100 estilos, relevo este último no que quedaron a menos de medio segundo da medalla de Bronce, conseguiron finalizar na clasificación final nun sorprendente quinto posto dos 117 participantes.
Ademais, a este mérito grupal hai que engadir as preseas de Prata e o título de Subcampioas Galegas que obtiveron Sofía Carballo en 100 m braza e Iria Lemos en 200 m libres (logrando ambas ademais, o récord galego de 13 anos da proba e por suposto a súa Mellor Marca Persoal nas mesmas). A nivel individual, conseguiron bater varias marcas persoais, e estiveron en varias ocasións ao bordo de entrar no podium.
A experiencia vivida por estas 4 mozas en Tarragona (Piscina Sylvia Fontana) quedará marcada na súa memoria, tanto polos éxitos conseguidos como pola aprendizaxe que supón unha cita deste prestixio para a súa formación actual e o seu prometedor futuro na natación.
Por iso, desde o seu Club, o director técnico e a directiva, amigos e familiares, queren destacar o “seu bo facer esta fin de semana e enviarlles unha enorme felicitación”.