O portavoz de Alternativa Ciudadana de Ponteareas (ACiP), Juan Carlos González Carrera vén de pedir que se lle devolva á veciñanza a plusvalía que, ao seu entender, o Goberno local cobrou “irregularmente”. Para González Carrera, o “abandono” do executivo local por non publicar a correspondente Ordenanza Municipal no seu momento “non pode ter a consecuencia de que a veciñanza pague polo que non teñen que pagar”, e pon como exemplo “as herdanzas de vivendas por falecementos dos seus pais e outras que estarían exentas”.
Alternativa Ciudadana de Ponteareas subliña que no ano 2019 “o Concello recadou máis de 310.000 €, mentres que no exercicio 2018 a cantidade foi de 90.000 €”. O Grupo Municipal independente considera que “chegou a hora de dicir basta ante a cobranza irregular que está a realizar o Concello aos veciños, e está a incumprir a ordenanza Municipal de Plusvalías”.
Juan Carlos González Carrera adiantou que nesta semana o seu grupo pedirá unha reunión informativa para que se presente a listaxe que o Goberno local comprometeuse pedir ao ORAL e que se poida compensar aos veciños “que, estando exentos, pagaron dito imposto”.
Para o Portavoz Municipal de ACiP esta “é unha mostra máis de que o Goberno municipal goberna de costas aos veciños” co cobro “irregular” dun imposto, situación que sería facilmente solucionable “aplicando as bonificacións aprobadas no pleno de novembro de 2017”.