Alternativa Ciudadana de Ponteareas cualificou de “inadmisible” que o Concello ponteareán ceda a unha empresa privada unhas instalacións municipais para a realización dun torneo de fútbol no que o Concello, afirma o seu portavoz Juan Carlos González Carrera, “pagou o trofeo, a electricidade, limpeza e reparación do campo”.
Segundo González Carrera, o Concello de Ponteareas tería cedido “gratuitamente a unha empresa privada no mes de agosto as instalacións de Pardellas pa celebración de un torneo denominado I Torneo MS2 CUP (Michel Salgado) polo que se cobraba entrada para aceso a unhas instalcions publicas”.
A celebración deste torneo, aseguran os independentes ponteareáns “paralizou a actividade de ditas instalacións” e asegura que os afeccionados ao atletismo que utilizan as pistas de Pardellas “foron desaloxados con malos modos polos organizadores do torneo”.
ACiP asegura estar de acordo en que as instalacións “cédanselle a calquera colectivo sen ánimo de lucro pero, sendo un evento privado, teñen que pagar taxas como calquera veciño”. De feito, lembra González Carrera, calquera colectivo ponteareán ou mesmo os centros de ensino “teñen que pagar as taxas correspondentes por utilizar instalacións municipais, ben sexan o pavillón, auditorio, pistas deportivas de tenis ou calquera similar”.
Ante esta situación, ACiP presentou un escrito á Interventora Municipal “advertindo de tal situación irregular ante a chegada de facturas que o goberno municipal quere pagar por un evento privado o cal, por lei, e ilegal”.