Mércores, 12 Febreiro de 2025

A Protectora de Animais Biosbardos, abre a súa tenda Solidaria en Vigo, para poder seguir atendendo aos 556 animais que teñen ao seu cargo

A crise creada pola extensión do coronavirus afectou a diferentes sectores. No caso das protectoras de animais e das voluntarias e voluntarios que fan que existan, a Covid-19 impediu que puidesen facer todo aquilo que lles permitía saír adiante.

Á Protectora de Animais Biosbardos, impedíuselle montar o mercadillo dos sábados, así como os postos de comida nas festas de concellos e parroquias; deixando de ingresar unha cantidade importante de diñeiro que se necesita para a alimentación e coidado dos animais que teñen ao seu cargo.

A forza de vontade e a decisión, burlaron á pandemia e agora volvéronse comerciantes, dos que soben a persiana do seu negocio. A nova tenda Solidaria de Biosbardos abre este sábado, día 14, en Martínez Garrido número 6. E chámase “A Trastenda de Parche” Ese día atenderá aos clientes de 10:30 a 13:30 e de 16:30 a 20:30 e o domingo, día 15, de 11:00 a 13:30 e de 17:00 a 20:00 h.

Os seus clientes poderán comprar obxectos de decoración, cadros, libros, xoguetes, bixutería, bolsos, reloxos, roupa, pequenos electrodomésticos, artigos do Nadal, merchandising, ata lotería ou bicicletas.

Dispoñen dunha ampla librería onde poderás atopar desde os máis clásicos ata os exemplares máis actuais.

O recadado destinarase, integramente, ao coidado dos 556 animais que a protectora ten ao seu cargo. Ademais, de estar interesado, tamén se informará sobre a adopción dos animais.