Martes, 10 Decembro de 2024

A nova dirección do CEIP ‘Nosa Señora dos Remedios’ fomentará a autonomía do alumnado

A tenente de alcalde e concelleira de Ensino, Cristina Fernández, reuníuse na mañá de hoxe co novo director do CEIP Nosa Señora dos Remedios, José Ángel Penas Tallón, para estudar as necesidades e apoios que o centro escolar precisará neste curso que comeza 2019/2020.

Cristina Fernández aproveitou para darlle a benvida ao novo director que asume por vez primeira a dirección dun centro educativo logo de levar xa oito anos consecutivos asumindo a ensinanza de mestre de educación física neste centro escolar.

Nativo de Lugo pero xa afincado en Ponteareas, José Ángel Penas toma o relevo do anterior director Regino Garrido Figueiras que nos últimos doce anos asumíu a dirección do centro deixando, segundo Penas “un listón alto que tentaremos manter”.

O director do ‘nº 1’ asume o seu novo cargo, que compatibilizará co de profesor de educación física nos curso 5º e 6º de primaria, con ilusións e propostas enriba da mesa xa encamiñadas. No mes de xullo, Penas Tallón xa se reuníu co concelleiro de Tráfico e Mobilidade, Roberto Mera, para comezar a traballar na creación de rutas seguras de acceso en bicicleta ao centro escolar.

“Queremos fomentar entre o alumnado e entre a comunidade educativa en xeral, os desprazamentos sostibles e seguros así como os hábitos de vida saudables por iso estamos a poñer en marcha o proxecto de tramos urbanos nos que se conte cun espazo seguro para o desprazamento do alumnado en bicicleta. Un feito que ademais promove a autonomía dos cativos e cativas”, explica o director.

Ademais, trasladou á concelleira de Ensino a súa intención de promover os desprazamentos a pé coa sinalización e demarcación de tramos específicos para o tránsito de escolares.

Director e concelleira percorreron as instalacións para avaliar os traballos realizados e os que están pendentes.

Ao igual que nos anteriores comezos de curso, Cristina Fernández manterá distintas reunións con todas as directivas dos centros escolares, dando tamén a benvida nos vindeiros días á nova directora do CEIP Feliciano Barrera de Guláns.