14.7 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasA Concellería de Medio Ambiente de Ponteareas pide a colaboración cidadá para...

    A Concellería de Medio Ambiente de Ponteareas pide a colaboración cidadá para rematar cos vertedoiros incontrolados

    A concellería de Medio Ambiente do Concello de Ponteareas, que dirixe Rosa Covelo, lamentou a aparición dun novo vertedoiro incontrolado no Confurco. Covelo solicita a colaboración cidadá para atopar aos e ás responsables destes vertidos que supoñen un atentado para o medio ambiente pero tamén unha falta de consideración e respecto polos bens comúns e polo resto da veciñanza.

    Rosa Covelo adianta que se abrirá unha investigación “que conlevará unha sanción unha vez que se atope ao ou á culpable dos feitos”. “Non podemos seguir consentido este tipo de actitudes que obrigan ao resto da veciñanza a convivir con residuos indesexados”, engade a concelleira de Medio Ambiente.

    Lembra a concelleira que o servizo de recollida de lixo ten unha programación semanal “que non se pode estar alterando continuamente para retirar os vertedoiros incontrolados”. É por iso que Rosa Covelo fai un chamamento á veciñanza para que “todas e todos xuntos poidamos atopar aos responsables das verteduras incontroladas e facilitar ao Concello todos os datos posibles que axuden na investigación”.

    A cidadanía pode contactar co departamento de Medio Ambiente no número de teléfono 986 64 00 00 e solicitar cita previa ou enviar un correo electrónico ao enderezo medioambiente@ponteareas.gal.

    Rosa Covelo recorda que a veciñanza dispón dun Punto Limpo e dun Servizo de Recollida de Enseres, ámbolos dous totalmente de balde. Para a súa utilización só teñen que contactar no número de teléfono 986 640 307. O servizo, lembra Rosa Covelo, están especialmente pensado para “poder desfacernos dos mobles voluminosos sen ter que movernos da casa ou achegándoos ás instalacións do punto limpo”. Así, previa solicitude “poderemos deixar os nosos enseres xunto aos contedores cada xoves desde ás 21 h ata o venres ás 06:00 horas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.