Sábado, 8 Febreiro de 2025

Mondariz levará a Pleno a mellora e ampliación dunha senda fluvial no río Xabriña

O proxecto de mellora e ampliación da senda fluvial da Coviña, de gran impacto turístico entre os barrios da Pedreira e do Escobeiro, supón un investimento de 530.000 €

O alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros, acordou coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil un convenio de colaboración para a execución dun proxecto de mellora e ampliación da senda fluvial da Coviña, que transcorre pola beira do río Xabriña, afluente do Tea e parte do espazo protexido pola Rede Natura 2000.

Este convenio, que deberá ser aprobado polo Pleno da Corporación Municipal para ser efectivo, prevé un investimento total de 530.000 € en catro anos para elaborar e executar o proxecto. A Confederación Hidrográfica aportará o 80 % do orzamento (424.000 €), e o Concello de Mondariz, o 20 % restante.

Segundo consta no acordo, o proxecto de mellora e ampliación da senda fluvial da Coviña sería redactado pola Confederación Hidrográfica e consistiría na construción dun novo treito desde o barrio da Pedreira para enlazar coa actual senda na marxe dereita do río Xabriña e darlle continuidade polo barrio do Escobeiro, xa na marxe esquerda do río, a través de pontes e pasarelas. O resultado será unha senda circular peonil na contorna deste espazo protexido pola Rede Natura 2000 de 3.225 metros.

“Durante estes dous anos de goberno en minoría buscamos activamente a colaboración institucional para emprender proxectos que puxeran en valor os atractivos naturais que ten o Concello de Mondariz, como o río Tea e os seus afluentes, e así promover tanto a calidade de vida da poboación como o desenvolvemento dun turismo de natureza”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde da localidade.

O Concello de Mondariz conta actualmente con varios vieiros de uso peonil na ribeira do Tea e os seus afluentes. A senda máis destacada é a que transcorre entre Mondariz e Ponteareas, pasando pola ponte de Cernadela e a praia fluvial do Val, que está deteriorada nalgúns treitos polas riadas que se rexistraron hai uns anos.

O río Xabriña, malia ser menos caudaloso e coñecido que o Tea, ofrece no seu curso estampas naturais de gran beleza e valor etnográfico, xa que durante séculos foi escenario de actividades produtivas como a moenda do millo ou mesmo a fabricación de papel. Os numerosos muíños que se atopan á beira do río son testemuña dese importante dinamismo.

“O Concello de Mondariz ten un enorme potencial de desenvolvemento turístico arredor da auga e dos ríos, que son fonte de vida. Estamos traballando noutros proxectos de sendas, mesmo de longo percorrido e que abarquen todas as parroquias. Xunto a outros concellos de Condado-Paradanta, tamén optamos a un centro BTT de ámbito comarcal. Son proxectos que requiren colaboración institucional e certo tempo para poder chegar a desenvolvelos, pero os pasos que se dan son firmes”, afirma o alcalde de Mondariz.