O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, animou a toda a cidadanía e ás persoas que visitan nesta Semana Santa a provincia a achegarse os vindeiros 30 e 31 de marzo ás Neves para desfrutar Festa do Requeixo e do Mel, que leva 31 anos celebrándose neste concello. “O requeixo e o mel das Neves son xa un emblema da nosa cultura e gastronomía. Dous produtos 100 % Rías Baixas que contribúen a facer da nosa provincia, como recoñece National Geographic, un dos cinco mellores destinos gastronómicos do país”, afirmou Luis López durante a presentación deste evento gastronómico que tivo lugar este mércores na sede de Vigo da Deputación, na que o presidente provincial estivo acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro; e o rexedor das Neves, Jose Manuel Alfonso.
O mandatario provincial salientou a importancia das festas gastronómicas como motores para impulsar a economía local e o turismo, pero tamén, especialmente en municipios como As Neves, para facer fronte ao reto demográfico. “Falamos dun evento que dinamiza a economía local, desde a gandería ata o comercio, dunha festa que atrae visitantes de dentro e fóra das nosas fronteiras e dunha celebración que consolida e enriquece ás Rías Baixas como destino turístico gastronómico”, argumentou López.
A presentación contou tamén cunha exhibición do cociñeiro pontevedrés con estrela Michelin Iñaki Bretal, que empregou o requeixo e o mel das neves para elaborar un prato de alta cociña. “Os teus compañeiros de profesión e os alumnos aos que ensinades no Carlos Oroza, tamén tedes boa parte de mérito no éxito que está a ter a nosa provincia como destino turístico. Grazas ao voso labor podemos dicir que somos un paraíso gastronómico”, personalizou Luis López na figura de Iñaki Bretal para expresar o agradecemento da Deputación polo labor do sector da restauración e a gastronomía da provincia.
Despois de facer fincapé na tradición dunha celebración que acumula xa 31 edicións e que pon en valor dous produtos 100 % Rías baixas como son o requeixo e o mel, Luis López quixo tamén poñer en valor o traballo do alcalde Jose Manuel Alfonso e o seu equipo de goberno no Concello das Neves. Un goberno ao que Luis López volveu tender a man da Deputación. “Nese camiño de avance, a Deputación será un socio leal”, díxolle o presidente citando algúns dos proxectos que o ente provincial ten en marcha neste municipio como é o apoio á celebración desta festa gastronómica, o convenio de colaboración para a humanización da Praza de Santa María de Liñares ou a posta en marcha neste Concello do HUB de loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural.
“Se hai algo que caracteriza as festas gastronómicas como a do Requeixo e o Mel das Neves é que son sinónimo de unión, puntos de encontro e de confraternidade. Tres principios que rexen a nosa acción de goberno e que tamén dan sentido ao labor que realizamos desde esta sede da Deputación en Vigo”, concluíu Luis López, antes de reiterar a invitación a desfrutar desta festa a todo o mundo.