Sábado, 15 Febreiro de 2025

O PSOE comprométese en Salceda á construción do novo colexio e a reforzar o ensino secundario

A candidatura do PSdeG-PSOE visitou o CEIP Altamira xunto con Verónica Tourón e concelleiros do grupo de Goberno para denunciar a política educativa de barracóns do PP

A candidatura do PSdeG-PSOE ás próximas Eleccións Autonómicas estivo en Salceda de Caselas para visitar as instalacións do Colexio de Infantil e Primaria Altamira, “un dos moitos exemplos do abandono do Partido Popular ás infraestruturas educativas básicas de Galicia”, sinalaron as e os socialistas. O centro, ademais de resultar insuficiente para acoller a toda a poboación escolar desta localidade, conta cun comedor escolar situado nuns barracóns de obra reutilizados e que estaban, ata hai dous anos, fóra de uso noutro colexio da comarca do Condado.

Durante a visita, as candidatas Leticia Gallego e Noelia Otero, así como os candidatos ás próximas Eleccións Autonómicas Rubén Pérez e Felipe González, expresaron ao grupo municipal socialista, encabezado pola portavoz e tenente de alcalde de Salceda, Verónica Tourón, o compromiso do novo Goberno da Xunta de Galicia, que presidirá Gonzalo Caballero, de asumir a demanda histórica da construción dun novo colexio en Salceda de Caselas. A tenente de alcalde, Verónica Tourón, explicou que unhas 200 familias están obrigadas a buscar praza escolar nos concellos da contorna por falta de prazas en Salceda e destacou que, por contra, son moitos os concellos galegos que, con menor poboación, dispoñen de moitas máis planta escolar.

A candidatura socialista coñeceu tamén as obras de ampliación realizadas o ano pasado, coa habilitación de catro novas aulas, “un auténtico parche que non resolveu nada e que só se executou para dar unha escusa á Xunta de Galicia, que levaba 11 anos sen investir nas dotacións educativas de Salceda e marxinando a este municipio, para volver desaparecer do mapa”, subliñou Leticia Gallego. A candidata expresou tamén o seu rexeitamento pola utilización deste tipo de barracóns-comedor en colexios onde adoita haber gobernos municipais con cor política distinta ao Partido Popular, o que amosa unha modalidade de caciquismo especialmente cruel, pois realízase a costa do benestar do alumnado.

A concelleira de Educación, Gela Ledo, destacou que os barracóns chegaron hai dous cursos a Salceda sen pintar e con desperfectos. Houbo que dotalos de auga e luz e, a día de hoxe, carecen de aire acondicionado polo que as condicións de temperatura no interior son deplorables. Ademais, subliñou que as obras realizadas no colexio non solucionaron a masificación dun centro que ten unha media de 25 alumnas/os por aula e catro aulas por cada curso. “É necesario un colexio novo que sexa unha solución definitiva”, remarcou.

Por outra banda, subliñou que o IES de Salceda carece de especialidades e non hai opción de realizar o Bacharelato na localidade, carencia que se agrava polas dificultades para dispoñer de transporte escolar.