O PP do Porriño lamenta que o Goberno local “faga oídos xordos ás reclamacións da veciñanza, comerciantes e hostaleiros” e decida poñer fin a Porrigalia, un evento que, sinala o portavoz dos populares Alejandro Lorenzo, “goza de gran recoñecemento e que repercute de maneira moi importante no comercio e a hostalería da vila”.
Lorenzo lembra á alcaldesa, Eva García de la Torre, que este evento “ademais de pensarse como unha alternativa de lecer naceu co obxectivo de revitalizar, dinamizar e promover a economía local”. Obxectivo que cumpriu con creces dende a súa creación no ano 2014, cando O Porriño recibiu a máis de 20.000 asistentes nunha festa na que se implicaron os diferentes sectores da vila: comerciantes, hostaleiros, asociacións, clubes deportivos, centros escolares e a veciñanza en xeral. Xuntos deron forma a un evento que chegaba para quedarse.
“Pese a gozar do apoio popular, Eva García amosouse contraria á súa celebración dende o principio sen dar ningún tipo de explicación”, lamentou Lorenzo. Xa no 2015, o recén estreado Goberno Local decidía non celebrar Porrigalia. Finalmente, e tal e como manifestou a Alcaldesa, o evento tivo continuidade “por petición popular”, asegurando daquela que “o que funciona tense que repetir e consolidar”.
Sorpréndelle polo tanto ao portavoz popular o que cualifica de “incoherencia” por parte da alcaldesa que na campaña electoral do pasado mes de maio declaraba nunha entrevista que Porrigalia “seguiu e seguirá” pois “supuxo unha dinamización nunha época moi larga na que non hai nada”.
“O Goberno Municipal debe ser claro a este respecto e explicar os motivos polos cales deciden poñer fin a este evento”, insistiu Lorenzo pedindo á Alcaldesa e concelleiros que “deixen de excusarse e mentir responsabilizando ao PP das súas decisións”. Como ven sendo habitual, o executivo socialista minte á veciñanza para eludir as súas responsabilidades, alegando que non dispoñen de diñeiro na partida de festas tras terse pagado a débeda pendente aos veciños e veciñas de Cans (en referencia aos 60.000 euros que o Goberno Municipal pretendía retirar da partida destinada ás Comunidades de Augas).
“Unha vez máis intentan manipular aos veciños e faltan á verdade”, concluíu Lorenzo, “Este Goberno Municipal destinou a festexos no orzamento 700.000 euros. Un incremento desmesurado dos 350.000 euros cos que contabamos no noso goberno na mesma partida e cos que asegurabamos sobradamente non só a celebración de Porrigalia, senón de todos os festexos que se celebraban na vila. Se é certo que xa non dispoñen de cartos nesa partida, deberán explicar ás veciñas e veciños do Porriño en que se gastaron eses 700.000 euros no que vai de ano”.