Venres, 13 Decembro de 2024

Máis de 250 participantes daranse cita no I Torneo Internacional de Tenis de Mesa Concello do Porriño

A alcaldesa, Eva García xunto co concelleiro de Deportes, David Alonso presentaron onte a primeira edición do ‘Torneo Internacional de Tenis de Mesa Concello do Porriño’, acto no que tamén estaban presentes José Luis Cabaleiro, presidente da Federación Galega de Tenis de Mesa e directivos do Club de Tenis de Mesa CRC Porriño e do Círculo Recreativo Cultural, lugar onde se realizou a presentación.

José Luis Cabaleiro manifestou a súa ledicia “pola altísima participación que acadara esta primeira edición polo que non dubidamos en brindar a nosa colaboración aos organizadores”.

O evento, que se celebrará a vindeira fin de semana nos pavillóns 1 e 2 do Polideportivo Municipal, reunirá máis de 250 participantes de todas as categorías procedentes de toda España e de Portugal. Haberá tamén competición para persoas con capacidades diversas.

A alcaldesa felicitou aos organizadores “por un primeiro éxito que xa supón a capacidade de convocatoria amosada co número de inscritos” e garantiu que será un torneo “que vai ter continuidade nos vindeiros anos”. Eva Garcia subliñou que “O Porriño segue no mapa grazas aos moitos eventos deportivos, culturais e de outra índole” que se organizan no concello.