Coa modificación da Ordenanza do IBI aprobase a bonificación do 95% no pago do IBI (Imposto de Bens Inmobles) a seis asociacións mosenses agora que a lei o permite.
As asociacións que terán bonificado o pago do IBI a partir de 2020 dos seus locais sociais son A.VV. Nosa Terra de Pereiras, A.VV. Chan do Bosque, A.VV. e Cultural Ledicia, Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva Celado, Centro Cultural e Social de Herville, e A.VV. San Rafael de Pereiras.
A bonificación entrará en vigor o vindeiro ano 2020, xa que a modificación da ordenanza tivo que ser aprobada en Pleno e o orzamento de 2019 se atopa aprobado e en vigor.
Ata o de agora o Concello concedíalle a estas asociacións unha axuda económica para compensar o desembolso que anualmente tiñan que facer para facerlle fronte ó pago do IBI dos seus respectivos locaia sociais. Para o presente ano 2019 dita achega contemplouse tamén no orzamento municipal e concedéuselles igualmente, e partir de 2020 estas seis entidades xa contarán coa bonificación do 95% do pago do devandito imposto.
Grazas á modificación da Lei de Facendas Locais a lei establece a posibilidade de que os concellos mediante ordenanza poidan regular unha bonificación de ata o 95 por cento da cota íntegra do imposto a favor de inmobles nos que se desenvolvan actividades económicas que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración; tal é o caso das mencionadas agrupacións mosenses. Corresponde dita declaración ao Pleno da Corporación e acórdase, previa solicitude do suxeito pasivo, por voto favorable da maioría simple dos seus membros (como así se fixo onte, obtendo o voto unánime a favor dos membros da Corporación Municipal presentes na sesión plenaria). Trátase de medidas tributarias dirixidas á consolidación das finanzas públicas e ao impulso da actividade económica.
A desafectación da Ludoteca de San Rafael permite, por outra banda, que a Asociación Española contra o Cancro Xunta Local de Mos e ASOMAMOS (Asociación de Maiores, Pensionistas e Xubilados de Mos), poidan desenvolver a súa actividade nestas instalacións. Ambas agrupacións, tanto AECC Mos como a ASOMAMOS, contaban ata o de agora con locais municipais onde levaban a cabo a súa actividade; a primeira na Axencia de Colocación e a segunda no Multiusos das Pozas. Sen embargo, durante os últimos anos as dúas ampliaron notablemente a súa actividade e por conseguinte, o material do que dispoñen, quedándoselles pequeno o espazo dos locais dos que actualmente fan uso; e por elo levaban tempo solicitándolle ao Concello unha nova ubicación máis ampla onde poder instalarse.
O Concello de Mos informaba a principios do presente mes de abril de que ten en marcha o expediente administrativo das Ludotecas Municipais en San Rafel e Louredo para que poidan entrar en funcionamento despois de que a empresa que resultou adxudicataria do servizo renunciase ao mesmo e posteriormente quedase deserta a segunda convocatoria do concurso público. Desde ese momento, e ao non haber adxudicatario que as xestionase, as ludotecas atopábase sen actividade; e para evitar a infrautilización destas instalacións o Concello explorou outras posibilidades de xestión, tal é o caso da instalación destas dúas asociacións municipais no edificio de San Rafael, en Pereiras.