O departamento municipal de Política Social atópase funcionando “a pleno rendemento”, asegurou hoxe o Concello de Mos, comezando polo CIM (Centro de Información á Muller), que habilitou un teléfono de atención 24 horas, 673 069 866, aberto a todo o mundo pero orientado especialmente a extremar a protección das mulleres vítimas de violencia de xénero na actual situación de confinamento.
No antedito teléfono atendese ás persoas “con maior risco de sufrir violencia de xénero, ás que xa están a vivir esta situación, e a quen coñeza a alguén que poida estala sufrindo”.
Ademais as profesionais do CIM continúan a prestar os habituais servizos psicolóxico e xurídico que agora se ofrecen vía telefónica. A psicóloga segue a manter as terapias psicolóxicas que poden realizarse por teléfono ou videoconferencia. Fanse deste xeito as terapias xa citadas en axenda e pódense solicitar tamén novas citas.
Do mesmo xeito organízase a atención e o asesoramento xurídico do CIM. Desde este departamento xurídico do Centro de Información á Muller de Mos informan ademais que nos últimos días multiplicáronse as consultas de cidadáns con dúbidas sobre as custodias compartidas de fillos/as con pais divorciados, para resolvelas poden chamar ao antedito número de teléfono móbil operativo as 24 horas.
Os demais Servizos Sociais municipais continúan tamén operativos ao cen por cen comezando polo Servizo de Axuda no Fogar, SAF, que conta con 106 familias usuarias, das cales 62 continúan recibindo o servizo activamente e as 44 restantes decidiron interrompelo pola crise do COVID-19. Ás familias co servizo interrompido temporalmente chámaselles semanalmente para interesarse pola súa situación e preguntarlles se queren reanudalo.
O Servizo de Xantar na Casa, asegura o Concello de Mos, continúa funcionando ao 100 % en todos os casos de usuarios/as beneficiarios/as (un total de 6), ao igual que o Servizo de Teleasistencia (un total de 26), que incluso se veu incrementado o seu nivel de actividade ao recibir aínda máis chamadas de persoas que demandan e precisan comunicación e compañía con maior frecuencia.
Por último, as Emerxencias Sociais económicas que garanten que ningún/unha veciño/a quede sen as necesidades básicas fundamentais de vivenda, subministro eléctrico, alimentación, farmacia… etc. estanse tramitando igualmente, coa mesma celeridade e urxencia que antes da crise.