8.3 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiUnha «Ruta Literaria» pecha os actos do Día da Biblioteca de Tui

    Unha «Ruta Literaria» pecha os actos do Día da Biblioteca de Tui

    Sairá ás 17 h do edificio Francisco Sánchez e será dirixida por Marga do Val e Rafael Sánchez Bargiela

    Mañá sábado, 26 de outubro, ás 17 h sairá do edificio ‘Francisco Sánchez’ sede da Biblioteca tudense unha Ruta Literaria coa que se pecha o programa de actos desenvolvido ao longo do mes para conmemorar o Día da Biblioteca. A ruta estará dirixida pola escritora Marga do Val e polo responsable do centro bibliotecario tudense, historiador e colaborador deste xornal, Rafael Sánchez Bargiela.

    No seu percorrido, que rematará na Catedral, os participantes desprazaranse por diversos lugares da cidade relacionados con personalidades do mundo literario e cultural. Así a ruta pasará polo barrio do Rollo, onde se situaba a casa familiar da familia Álvarez Limeses e onde iniciaron a súa andaina literaria Xosé María e Emilio Álvarez Bláquez, o Seminario Conciliar onde estudaron autores como Teodosio Besteiro Torres ou Camilo Bargiela, para continuar polo monumento ao arcebispo Lago (na rúa Ordoñez obra de Xoán Piñeiro) que posúe un notable conxunto de poemas en lingua galega, sen esquecer nomes como, entre outros, Camilo José Cela, Faustino Rei Romero, Manuel María ou Eliseo Alonso aos que se lembrará ao longo do traxecto desta ruta literaria.

    Con esta actividade a Biblioteca Pública Municipal tudense tenta achegar un amplo e escasamente coñecido acervo cultural que a nosa cidade agocha; as vellas rúas tudenses teñen inspirado a numerosos escritores, tanto de Tui como foráneos, moitas páxinas de creación literaria que agora se pretende achegar aos veciños e lectores. Esta visita é unha primeira etapa doutras novas rutas que no futuro se realizarán ofrecendo novos autores e novos textos.

    A celebración do ‘Día da Biblioteca’ é unha proposta da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil que xorde no ano 1997 en lembranza da destrución da Biblioteca de Saraxevo, incendiada no ano 1992 durante o conflito bélico dos Balcáns. A iniciativa naceu para trasladar á opinión pública a importancia da Biblioteca como lugar de encontro de lectores de todas as idades coa cultura e como un instrumento de mellora da formación e da convivencia das persoas.

    A celebración desta data, á que se suma a Biblioteca Municipal tudense, é unha oportunidade para impulsar entre nenos, mozos e maiores os valores da lectura e da cultura e destacar a misión das bibliotecas como centros socializadores e integradores e demostrar que os libros están ao alcance de todos os tudenses, pois as bibliotecas son un dos mellores exemplos do cumprimento do mandato constitucional de promover o acceso á cultura a todos os cidadáns.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.